O número de autónomos aumentou en 500 no que levamos de ano en Galicia
O número de autónomos aumentou en 500 no que levamos de ano en Galicia
Dende ATA apuntan a un posible cambio de tendencia despois dunha década en que se perderon 13.000 traballadores por conta propia
Agricultura e comercio foron os sectores máis prexudicados
No que vai de 2024 déronse de alta máis de 500 novos traballadores autónomos en Galicia. Son datos de ATA e chama a atención o incremento das altas entre a poboación máis nova, no treito dos 18 aos 30 anos.
Son datos provisionais, pero poderían indicar un cambio de tendencia. Na última década, en Galicia, perdéronse preto de 13.000 traballadores autónomos. Na actualidade hai 205.000. O 40 % son mulleres e a media de idade vai entre os 45 e 54 anos.
Os sectores con máis representación en Galicia son o comercio e a construción e aínda así na última década déronse de baixa máis de 8.000 traballadores por conta propia no sector do comercio. Só a agricultura ten peores cifras, cunha perda de 10.000 autónomos.
En cambio emerxen novos sectores como o entretemento, cun incremento dun 54 % nas altas.
Detrás destas cifras hai cambios culturais e de consumo, como o aumento da compras por Internet.
Os autónomos fan un chamamento á reflexión sobre o tipo de cidades que estamos construíndo e lembran a importancia do pequeno comercio para os barrios.