Publicador de contidos
Publicador de contidos

A Xunta critica a negativa do Goberno a declarar as rías zona catastrófica

A Xunta critica a negativa do Goberno a declarar as rías zona catastrófica

A petición do Executivo galego é pola elevada mortaldade dos bivalvos que causou a chuvia de outono

G24.gal 10/05/2024 18:01 Última actualización 10/05/2024 18:14

O conselleiro do Mar, Alfonso Villares, cualificou de “falta de respecto moi grande a todos os mariscadores e mariscadoras galegas” a negativa do Goberno central a declarar zona catastrófica os bancos marisqueiros das rías galegas, afectados polas extraordinarias precipitacións de outono que causou unha alta mortaldade dos bivalvos. Ao mesmo tempo, o responsable autonómico amosou a súa sorpresa ao coñecer esta decisión “por unha nota de prensa e máis de 5 meses despois” da petición feita pola Xunta neste sentido.

O Goberno rexeitou declarar as rías galegas como zona catastrófica ao entender que a situación non cumpre cos criterios técnicos da normativa marco para realizar esta declaración. Con todo, Villares defendeu que esta solicitude está sustentada en informes técnicos de organismos autonómicos como o Intecmar, o CIMA e Meteogalicia en que “queda negro sobre branco as extraordinarias precipitacións acontecidas no pasado outono que foron uns 127 % superiores ao valor climático normal acumulando máis de 1.000 l/m2 entre o 15 de outubro e o 16 de novembro”.

“Isto provocou un pronunciado descenso da salinidade das augas por baixo do limiar de supervivencia dos moluscos causando unha alta mortaldade dos bivalvos que chegou a superar o 80 % nalgunhas zonas e especies”, lembran desde a Xunta. Por iso, Alfonso Villares lamentou que “estas cifras non sexan suficientes para que o Goberno estatal decida actuar”, sinalou nun comunicado no que tamén responsabiliza desta decisión aos partidos políticos que sustentan o goberno. “Desde Galicia seguiremos pedindo o xusto para a nosa xente do mar para pesar do non tras non que recibimos do Goberno central”, resolveu o conselleiro.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade