Publicador de contidos
Publicador de contidos

Galicia garda loito tras o naufraxio do Villa de Pitanxo e "chora os seus fillos"

Galicia garda loito tras o naufraxio do Villa de Pitanxo e "chora os seus fillos"

"Galicia é unha gran familia que se une na dor para atopar consolo", di Núñez Feijóo

A Xunta decreta tres días de loito oficial para "lembrar os que perderon a vida no mar e render tributo á comunidade mariñeira"

Minuto de silencio e declaración institucional no concello de Marín polo naufraxio

O Congreso garda tamén un minuto de silencio 

Minuto de silencio ás portas do edificio administrativo da Xunta en San Caetano
G24.gal 16/02/2022 10:32

A Xunta de Galicia decretou este mércores tres días de loito oficial polo naufraxio do Villa de Pitanxo, nunha reunión extraordinaria do Consello. Serán tres días para "lembrar os que perderon a vida no mar e render tributo á comunidade mariñeira", dixo Alberto Núñez Feijóo nunha declaración institucional.

Ás once da mañá gardouse un minuto de silencio ás portas dos edificios administrativos da Xunta en memoria dos falecidos, en que estiveron presentes, ademais do presidente da Xunta, varios dos seus conselleiros, entre eles a conselleira do Mar Rosa Quintana.

Tras o acto solemne, o presidente da Xunta leu esa declaración institucional, en que dixo: "Galicia é unha gran familia, e cando unha familia é golpeada por un acontecemento tráxico únese na dor para atopar consolo".

"A obriga da Xunta de Galicia é a de facerse portavoz de todos galegos. Todos quixeran estar preto das familias e ofrecerlles unha aperta e o apoio para paliar o seu sufrimento", manifestou Núñez Feijóo, quen lles trasladou que "non están sen amparo".

"A gran familia que é Galicia chora os seus fillos, é tempo de incorporalos á nosa memoria para que a súa traxedia non se esqueza e de acompañar os que perderon aos seus para que non se sintan desamparados na dor que lamentablemente ninguén lles pode quitar", asegurou.

Dende hoxe todas as bandeiras dos edificios públicos de Galicia ondean a media hasta.  No  Parlamento tamén se gardou un minuto de silencio. O presidente da Cámara lembraba, emocionado, que non hai palabras para confortar as familias neste momento.

O loito vívese en todos os portos do país, en que unha traxedia coma esta se experimenta como propia. Tamén nos mercados é o deste mércores un día máis triste.

As confrarías expresan a súa dor e apoio

As confrarías de pesca galegas mostraron a súa dor polo naufraxio e enviaron o seu apoio aos afectados e ás súas familias. "Os nosos pensamentos están estes días cos afectados e coas familias nun sentido abrazo de dor (...) O mar é duro, traizoeiro, un medio hostil en que hai que traballar para abastecer de alimento a poboación; é a nosa forma de vida, é fermoso, pero hoxe temos o corazón encolleito polos compañeiros do Villa de  Pitanxo", sinala nun comunicado o presidente da Federación Galega de Confrarías de Pescadores José Antonio Pérez Sieira.

As bandeiras da Federación Galega de Confrarías lucirán un lazo negro en memoria dos mariñeiros e de apoio ás súas familias. 

O pesqueiro Villa de Pitanxo tiña base en Marín, onde os seus veciños seguen á espera de recibir noticias dos tres sobreviventes e da busca do resto de tripulantes, dificultada polo mal estado do mar, con ondas de catro metros de altura e visibilidade de só uns 500 metros.

A Xunta de Galicia puxo á disposición das familias psicólogos para atendelas nun proceso moi doloroso que se pode alongar no tempo.

Das 24 persoas que traballaban no buque, dezaseis teñen nacionalidade española, cinco son peruanos e tres ganeses, de acordo cos datos oficiais.

O Departamento de Defensa do Canadá ten un helicóptero e un avión asistindo nos labores de busca e rescate, pero non se atoparon restos do pesqueiro. Témese, daquela, que a embarcación afundise por completo.

Salvamento Marítimo confirmou que o rescate do sétimo mariñeiro sen vida se produciu ás 18:52 hora peninsular. Foi o pesqueiro portugués Novo Virgem da Barca o que recuperou a sétima vítima do naufraxio.

Solidariedade desde a Eurocámara

Os membros galegos do Parlamento Europeo quixeron dedicar mensaxes de lembranza ás vítimas do naufraxio en Terra Nova. A eurodeputada Ana Miranda quixo ter unha mensaxe de agradecemento cos mariñeiros doutras nacionalidades que traballan na frota galega.

Pola súa parte, Francisco Millán Mon mandou unha mensaxe de pésame na súa intervención no hemiciclo desta mañá.

Tamén Nicolás González Casares enviou as súas "condolencias ás familias e seres queridos dos mariñeiros do Pitanxo".

A conta do Parlamento Europeo en España mandou "a súa solidariedade e cariño a todo o pobo galego, tan ligado ao sector pesqueiro".

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade