A Xunta decreta a emerxencia cinexética para tentar reducir o número de xabarís
A Xunta decreta a emerxencia cinexética para tentar reducir o número de xabarís
A sobrepoboación de xabarís en Galicia leva anos causando diferentes problemas. Sobre todo perdas en cultivos e accidentes de tráfico mesmo mortais. A Xunta de Galicia decretou a emerxencia cinexética para tentar reducir o número de exemplares.
3.600 accidentes de tráfico causados o pasado ano, varios deles mortais, e máis de seis millóns de euros en perdas económicas derivadas de ataques a cultivos. Son as cifras negativas da sobrepoboación de xabarís en Galicia.
Os últimos incidentes levaron á Xunta de Galicia a decretar a emerxencia cinexética, que permite capturar todo tipo de exemplares e sen límite numérico ata o 24 de febreiro. Unha medida valorada moi positivamente polo sector gandeiro.
A responsabilidade de levar a cabo as acciñons da emerxencia cinexética recaen en boa medida nos tecores e as federacións de caza. Din que a poboación non aumentou senón que se desprazou a zonas onde antes non habitaba e ese feito está a causar alarma.
En zonas urbanas ou de seguridade vanse instalar gaiolas trampa e vaise aplicar a caza mediante esperas con arco. Medidas extremas para unha situación extrema.
Ademais das medidas derivadas da emerxencia cinexética, as organizacións agrarias reclaman maior axilidade no pagamento das indemnizacións por danos do xabaril.
O pasado ano capturáronse en Galicia 18.000 exemplares de xabaril. Unha cifra que, á vista dos danos ocasionados nos cultivos e dos accidentes provocados polos animais, foi insuficiente.