A Xunta destina 28,5 millóns á eficiencia enerxética e autoconsumo das empresas
A Xunta destina 28,5 millóns á eficiencia enerxética e autoconsumo das empresas
As axudas teñen unha liña específica para o sector termal e das augas mineromedicinais
Cos combustibles e a electricidade en máximos históricos, a eficiencia enerxética e o autoconsumo convértense nun piar fundamental para a competitividade das empresas. A Xunta de Galicia vai destinar a este fin 28 millóns e medio de euros cunha liña específica para o sector termal e das augas mineromedicinais.
Placas solares e unha caldeira de biomasa proporcionan enerxía a este balneario de Pantón cun importante aforro económico.
"Temos unha planta de biomasa que empregamos para o abastecemento de auga e, á parte, tamén as placas solares. Sempre estamos apostando pola enerxía sustentable. Podemos estar aforrando no caso do gasóleo un 60 ou 70%", di, Santiago Villanueva, xerente do balneario Iberik Augas Santas.
Para promover a eficiencia enerxética e o autoconsumo, a Xunta vai pór en marcha axudas por máis de 28 millóns e medio de euros cunha liña específica por primeira vez para o sector das augas mineromedicinais e o termalismo duramente castigado pola pandemia.
"Vimos de pasar dous anos moi complicados tanto para os balnearios, que estiveron moito tempo pechados, e tamén para as plantas de envasado de auga mineral natural. Esta liña de axudas permite renovar equipamentos, que é moi necesario", afirma Benigno Amor, da Asociación de Balnearios de Galicia.
"Van permitir que o sector poida abordar unha situación de enorme dificultade pola evolución do prezo da electricidade e que, polo tanto, con estes investimentos poidan mellorar a súa competitividade e tamén as propias instalacións", di Francisco Conde, vicepresidente segundo e conselleiro de Economía.
Melloras que permitirán avanzar na sostibilidade dun sector en auxe que dá emprego directo a 1.400 persoas en Galicia axudando a fixar poboación no rural.