Xunta e confrarías confían en que prospere o recurso contra a lei de pesca de fondo
Xunta e confrarías confían en que prospere o recurso contra a lei de pesca de fondo
O Goberno español presenta o luns o recurso ante a xustiza europea e a conselleira do Mar agarda que vaia "ben fundamentado"
A Xunta colaborou co Ministerio de Pesca cun documento base e Luis Planas aposta pola "unidade de acción"
Os servizos xurídicos do Estado ultimaron o recurso que se vai presentar o luns contra a lei de pesca de fondo. O ministro Luis Planas xa adiantou que se baseará en que a norma de Bruxelas "non responde á mellor información científica dispoñible". Tamén se cuestiona o impacto real do palangre e doutras artes nos fondos mariños.
"Agardamos que vaia ben fundamentado e esperemos que tamén soliciten a suspensión temporal deste veto", anticipa a conselleira do Mar, Rosa Quintana, en relación co recurso.
O veto á pesca de fondo entrou en vigor o 9 de outubro e a conselleira di que xa se pode cuantificar o impacto na actividade da frota afectada.
"Hai caídas que van do 25 % ao 50 %, hai barcos que decidiron de momento non saír ata ver como vai evolucionando a frota e, o que é peor, pode darse o caso de que sobreexplotemos algunha das zonas nas que hoxe se estaba traballando con total e absoluta normalidade".
A consellería do Mar achegoulle a Luis Planas un documento base, elaborado por expertos en dereito marítimo, para contribuír ao recurso que se presentará ante Bruxelas. Mentres, o ministro insistiu nos últimos días en que hai unidade de acción neste caso entre confrarías, armadores e comunidades autónomas afectadas.