A Xunta e o Concello da Coruña chegan a un acordo para desbloquear as obras do CHUAC
A Xunta e o Concello da Coruña chegan a un acordo para desbloquear as obras do CHUAC
As dúas administracións desbloquean o convenio que permite acometer a reforma do hospital coruñés
A achega municipal mantense en 22,2 millóns que se destinarán aos accesos, mentres que a Xunta asume as expropiacións
A Xunta e o Concello da Coruña avanzan no que cualificaron como "solucións viables" para desbloquear o convenio para a ampliación do Complexo Hospitalario Universitario da Coruña (CHUAC) e que as obras empecen este ano.
A conselleira de Infraestruturas, Ethel Vázquez, e o concelleiro de Facenda da Coruña, José Manuel Lage, reuníronse este martes acompañados dos seus equipos para tratar de achegar posturas e avanzar nese convenio que desbloquee a reforma.
Foi a propia Ethel Vázquez a que en conferencia de prensa asegurou que acordaron "solucións viables para despexar o camiño deste convenio", que pasan por modificar a achega municipal. A cantidade que axuntará o concello coruñés mantense en 22,2 millóns de euros, pero será destinada unicamente aos accesos, e non ás expropiacións como estaba previsto.
A Xunta asumirá a expropiación dos terreos, e converterase no seu titular. Así queda o "camiño despexado para tramitalo e aprobalo", o paso previo a iniciar as obras nos accesos e na torre polivalente, o primeiro edificio da ampliación.
O obxectivo, segundo defendeu a conselleira, é ter as obras en marcha este mesmo ano, pois di que está próxima a licitación da torre e que mañá termina a exposición pública dos accesos.
Serán uns 500 millóns de euros de investimento da Xunta para duplicar a superficie actual e aumentar un 15 % as camas dispoñibles.
José Manuel Lage sostivo que este acordo serve para "resolver calquera discrepancia que poida aparecer no futuro" ao abordar a titularidade dos terreos e evitar cesións.
Avanzou que "o Concello vai tramitar entre abril e maio as tramitacións orzamentarias para introducir estes cambios" para pechar así o financiamento para catro anos, con este como primeiro.
"Hoxe hai un punto de inflexión", resumiu o titular de Facenda do Concello da Coruña.
A Plataforma de Afectadas pola Ampliación do CHUAC recolleu sinaturas no acceso ao edificio e repartiu información con críticas como o feito de que "436 millóns de euros só aumentan as camas dispoñibles un 15 %" ou "A Coruña necesita e merece un hospital novo, non un de 50 anos sempre en obras".
"Por un hospital novo como os de Santiago, Lugo e Vigo. Non máis parches no CHUAC", di o folleto, que reclama outra localización e "reforzo do persoal e da atención primaria".