Rescatan un home que caeu por un desnivel de cinco metros nunha zona de obras na contorna do CHUAC
Aparentemente non viu as indicacións e dirixiuse camiñando por unha banda peonil sen saída que terminaba nun noiro de material e pedras soltas

Un home tivo que ser rescatado polos Bombeiros da Coruña tras caer nun noiro de cinco metros de altura nunha zona en obras preto do Complexo Hospitalario Universitario da Coruña (CHUAC).
Segundo informaron os bombeiros da cidade, os feitos ocorreron sobre as 06:45 deste martes. Tal e como detallaron os efectivos desprazados no momento, o home aparentemente non viu as indicacións e dirixiuse camiñando por unha banda peonil sen saída que terminaba nun noiro de material e pedras soltas que tiña unha profundidade duns cinco metros.
Ademais, o home non podía saír polo seu propio pé e presentaba lesións leves debido á caída.