Hospitalizado un adolescente tras caer desde un terceiro andar en Zas
Permanece ingresado na UCI do Complexo Hospitalario Universitario da Coruña en estado grave

Un adolescente está ingresado na UCI en estado grave tras sufrir unha caída desde un terceiro piso en Zas (A Coruña).
Ocorreu sobre as 7:00 da mañá deste domingo na rúa Bispo Romero da citada localidade. Varias persoas deron aviso de que un menor se precipitara a un patio de luces e parecía estar nun lugar de difícil acceso.
Ata o lugar trasladáronse os bombeiros de Santa Comba, ademais do 061-Urxencias Sanitarias.
O rapaz foi trasladado en estado consciente ao Complexo Hospitalario Universitario da Coruña (CHUAC), onde permanece ingresado na UCI en estado grave por un traumatismo cranioencefálico.
Aínda que está considerado un accidente, deuse traslado do ocorrido á Fiscalía por ser un suceso que afecta un menor de idade.