80 millóns de euros ao ano para financiar as 3.400 liñas de transporte interurbano
80 millóns de euros ao ano para financiar as 3.400 liñas de transporte interurbano
O goberno galego pretende promover o uso do transporte público
Desde hai uns días comezaba unha nova forma de viaxar no transporte público, máis barata e mesmo gratuíta nalgúns casos.
As bonificacións do Goberno central e as da Xunta melloran a vida dos usuarios habituais do transporte público e animan a outros a deixar o coche na casa.
O executivo autonómico financia xa máis do 76 % do custo das 3.400 liñas de transporte interurbano que operan en Galicia.
"Desde xa hai tempo estamos a promover con profundos descontos e con moito investimento, a Xunta financia máis do 75 % do sistema público de transporte por estrada en Galicia. Agora mesmo as 3.400 liñas de autobuses da Xunta de Galicia están bonificadas e ademais o transporte na ría de Vigo e o tren de proximidade na zona metropolitana de Ferrol", destaca Ignacio Maestro, director xeral de Mobilidade.
O Goberno e a Xunta con estas bonificacións pretenden promover a utilización do transporte público, máis barato e máis ecolóxico, fronte ao transporte privado. Búscase tamén favorecer cos descontos os usuarios habituais dos medios públicos de transporte.
"Ademais as propias empresas teñen os seus bonos con descontos do 50 % xa antes. Eses son bonos que mercan nas empresas, os usuarios volverán a mercar eses bonos agora pero terán tamén un prezo menor", asegura Ignacio Maestro.
O executivo autonómico destina uns 80 millóns de euros ao ano no financiamento das liñas de transporte interurbano que operan na actualidade en Galicia, cos que, ademais, os menores de 21 anos viaxan de balde.