A Xunta pide a Puente que reconsidere o rescate da AP-9 tras aumentar o custo das bonificacións
A Xunta pide a Puente que reconsidere o rescate da AP-9 tras aumentar o custo das bonificacións
O custo da peaxe entre Vigo e A Coruña pasou dos 19,40 euros aos 20,45 euros. Unha subida de máis dun euro que Allegue considera "algo moi importante para os petos dos galegos que diariamente realizan este traxecto"
A conselleira de Planificación de Infraestruturas, María Martínez Allegue, avanzou que pedirá ao ministro de Transportes, Óscar Puente, que reconsidere a posibilidade de rescatar a AP-9, xa que o custo das bonificacións ascendeu de 56 a 81 millóns de euros para 2025.
Así o trasladou este xoves a representantes do sector de mercadorías, do transporte de viaxeiros, autónomos e empresarios nunha reunión en San Caetano.
Para a conselleira, o aumento do custo das bonificacións "cambia os escenarios", tendo en conta que en setembro a Administración autonómica encargou un estudo para valorar a transferencia e tamén sobre o custo de indemnización do rescate, "ao que se comprometeron en campaña electoral".
"Partiamos dun custo de indemnización de bonificacións de 56 millóns de euros para 2025 e vemos, por datos do Ministerio de Transportes, que ese custo das bonificacións non son 56 millóns de euros, senón 81 millóns de euros", explicou Allegue.
Afirma tamén que entre o xoves e o venres dirixirase ao ministro para trasladarlle que "reconsidere a posibilidade de rescate", unha vez que "o escenario cambiou". "O custo das bonificacións suponlle ao Estado unha cifra moi similar ao custo desa indemnización e rescate coa consecuente gratuidade desta infraestrutura que vertebra o noso territorio", insistiu.
A preguntas dos medios sobre a que se debe a diferenza de case 30 millóns, a titular de Infraestruturas asegura que se trata dun cálculo "publicitado na propia páxina do Ministerio" que, en todo caso, prodúcese despois de que o Goberno aumentase as bonificacións vixentes ata o momento na autoestrada galega.
Os desmesurados custos da AP-9
Ademais, a conselleira expuxo que o motivo desta reunión con diferentes representantes de asociacións e entidades é "a desmesurada subida das peaxes da AP-9", o que supón "un problema para a competitividade" de Galicia e tamén "para a economía familiar e os petos de calquera usuario".
Tal e como exemplificou, o custo da peaxe entre Vigo e A Coruña pasou "dos 19,40 euros aos 20,45 euros". Unha subida de máis dun euro que considera "algo moi importante para os petos dos galegos que diariamente realizan este traxecto".