A Xunta pídelle a Bruxelas unha transición enerxética planificada para a pesca
A Xunta pídelle a Bruxelas unha transición enerxética planificada para a pesca
A Consellería do Mar ve na eliminación das bonificacións ao gasóleo que pretende a UE un pau á frota costeira galega.
Quintana cre que Bruxelas non estima as consecuencias económicas cando propón restrinxir as capturas
A conselleira do Mar acaba de presentar en Bruxelas un informe analizando o impacto que tería a eliminación das bonificacións ao gasóleo na pesca galega, tal e como pretende a UE. Sobre as principais conclusións deste documento falamos esta mañá no Galicia por diante con Rosa Quintana.
Un dos aspectos que cómpre ter en conta, apunta Quintana, é que o combustible supón o principal custo de explotación das embarcacións, e desde o ano pasado, xa subiron un 120 por cento, e neste momento suprimir as exencións das que goza o sector tería un serio impacto na actividade da frota pesqueira do país.
Un dos sectores máis afectados, salienta Quintana, sería a da frota costeira, que a diferenza da de altura, non pode facer subministración de gasóleo en mar aberto e depende dos portos galegos para tal fin. Segundo cálculos do departamento económico da USC, moitos traballadores do sector non chegarían ao SMI.
Considera que Bruxelas erra cando quere eliminar esas bonificacións ao gasóleo argumentando que iso vai evitar a sobrepesca. Afirma Quintana que máis ben será o contrario. Neste sentido, puntualiza, en Galicia estamos traballando polo cambio climático, pero cómpre facer as cousas de maneira ordenada e planificada.
"Non podemos acadar unha transición enerxética e levar por diante un sector por non ter planificado ben as cousas"
Neste sentido, matiza, haberá que definir combustibles alternativos para os barcos, o tipo de barcos que se precisan e o financiamento co que terá que apoiar a UE.
A Conselleira de Pesca aínda ve marxe de negociación sobre este asunto, e agarda que a CE recúe nas súas pretensións, para o que xa mantivo varios encontros a distintos niveis nos últimos días.
Restrición de capturas
Respecto ás restricións nas cotas de pesca que propón a UE, a conselleira cre que teñen moi claro os aspectos medioambientais pero non os económicos e sociais. Neste senso, pídelle á UE que non se precipite na toma de decisións, a mesma petición que traslada ao Goberno de cara ao próximo Consello de Ministros.
"A restrición das capturas, só en especies como a pescada ou o xurelo, supón unhas perdas económicas duns 70 millóns de € e porían en risco uns 600 postos de traballo na comunidade", engade Quintana.