A Xunta prevé esgotar nun mes as axudas do Galicia Renova Electrodomésticos
A Xunta prevé esgotar nun mes as axudas do Galicia Renova Electrodomésticos
O prazo de solicitudes iníciase o 8 de febreiro e remata o 30 de setembro ou cando se esgote o investimento
Destínanse 2,2 millóns de euros e estímanse mobilizar 7,6 millóns de euros
A Xunta prevé un elevado número de solicitudes para as axudas á renovación de electrodomésticos ao abeiro do programa Galicia Renova Electromésticos, segundo apuntaba na Radio Galega o director xeral de Planificación Enerxética da Xunta, Pablo Fernández Vila.
En concreto, calcula que "nun mes" poida esgotarse o investimento de 2,2 millóns de euros destinados á convocatoria. Ao abeiro desta convocatoria, as persoas residentes en Galicia que queiran cambiar os seus electrodomésticos poderán botar man destas axudas.
As achegas poden cubrir ata o 25 % do prezo do electrodoméstico no caso de consumidores xerais e do 75 % no caso dos que teñan maiores dificultades económicas.
Ata o 8 de febreiro non se poden solicitar estas axudas pero como se concederán ata que se esgoten os fondos, dende a Xunta ínstase a estar atento aos prazos porque estiman que os cartos se esgoten nun mes.
"A medida que a xente as solicite e cumpra cos requisitos esixidos na convocatoria reservaranse os créditos. Tendo en conta que estamos a falar de case dous millóns douscentos mil euros, é moi aventurado dicilo pero seguramente arredor dun mes tardará en esgotarse ese crédito".
De momento está aberto o prazo para que os establecementos comerciais se adhiran a este programa. A día de hoxe hai 318, pero o director xeral de Planificación Enerxética da Xunta estima que poidan ser medio milleiro como en edicións anteriores.
Con estas axudas, ademais de estimular o comercio local, prevese a redución do consumo de 2.900 megawatts ao ano e unha redución de emisións equivalente á plantación de 44.000 árbores.