Mocidade de distintos países vai facer labores de voluntariado no Camiño
Mocidade de distintos países vai facer labores de voluntariado no Camiño
Un total 80 persoas, entre 18 e 30 anos, participan no programa XacobeAndo
Entre os seus cometidos está o acompañamento de grupos con necesidades especiais
Tamén van poñer en valor o patrimonio cultural e natural das distintas rutas
Uns 80 mozos e mozas de entre 18 e 30 anos, de diferentes nacionalidades, participan este verán como voluntarios no programa XacobeAndo, da Xunta. Este sábado foron recibidos pola Conselleira de Política Social e Xuventude.
Fabiola García agradeceulles o traballo que van desempeñar no coidado e promoción das distintas rutas do Camiño de Santiago, animounos a divulgar as riquezas do Camiño nos seus países e destacou a importancia do labor do voluntariado.
Facer o Camiño de Santiago é unha experiencia que marca e deixa a súa pegada. Así o aseguran os peregrinos, e tamén os voluntarios que traballan para mellorar esa vivencia no programa da Xunta "XacobeAndo".
Kalliopi é grega, peregrinou a Santiago pola ruta portuguesa. Agora regresa ao Camiño como voluntaria para aportar a súa experiencia e facer de ponte intercultural ente camiñantes.
"É importante crear esa ponte entre os peregrinos. Ás veces hai realidades que se cruzan pero que non se atopan e eu quería formar parte dese vínculo que se vai crear aquí", asegura.
Van colaborar en aspectos como a concienciación ambiental, a posta en valor do patrimonio cultural e natural, a creación de recursos dixitais sobre a experiencia no Camiño e o acompañamento e integración de grupos de persoas con necesidades especiais.
Deste xeito, axudarán ao coidado e promoción das diferentes rutas a Santiago, fomentando tamén a importancia da interculturalidade.