A Xunta reclama o informe do recurso do Goberno contra a lei do litoral
A Xunta reclama o informe do recurso do Goberno contra a lei do litoral
A vicepresidenta segunda e conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, e o conselleiro do Mar, Alfonso Villares, pediron ao Goberno central "respecto e claridade"
A vicepresidenta segunda e conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, e o conselleiro do Mar, Alfonso Villares, pediron ao Goberno central "respecto e claridade" e que se traslade á Xunta o informe do recurso de inconstitucionalidade contra a Lei de ordenación e xestión integrada do litoral de Galicia.
Nunha conferencia de prensa, celebrada este venres na Coruña tras a reunión co Observatorio do Litoral de Galicia, Ángeles Vázquez confesou que lles sorprendeu "moito" este recurso, que chegou "case o último día", e que "a lóxica debería ser que se puxesen en contacto coa Xunta para sentar e discutir cada un dos artigos da lei e chegar a un consenso".
A semana pasada, a portavoz do Goberno en funcións, Isabel Rodríguez, informou tras o Consello de Ministros deste recurso, que impugna 31 dos máis de setenta artigos da Lei -o 40 % do seu contido-, por entender que invade competencias estatais en distintos ámbitos.
A portavoz do Executivo central, que afirmou que é "obriga do Goberno o velar e o defender o cumprimento da Constitución en todo o territorio, tamén en Galicia", explicou que "o que fai a lei galega, e non existe ningunha dúbida ao redor diso no ditame do Consello de Estado, é que se apropia de competencias exclusivas do estado para regular o réxime xurídico do domino público marítimo terrestre".
A vicepresidenta segunda da Xunta asegurou que a lei "non vai en contra da Constitución nin da lei de costas", esixiu "claridade e respecto aos galegos e galegas e para os profesionais que redactaron a lei e analizárona", e lembrou, ademais, que a norma "foi da poucas que foi ao Parlamento galego e non tivo ningún voto en contra".
A Xunta reclamou ao Goberno central que lle envíe "o informe do Consello de Estado e o recurso" para poder estudalo "canto antes".
Ángeles Vázquez insistiu en que este recurso provoca un impasse e un "mar de incertezas" cando o obxectivo era "ordenar o litoral".
O conselleiro do Mar, Alfonso Villares, asegurou que esta é unha lei "feita con moitísima información" polo que defendeu que "esta impugnación ten moi pouco sentido".
"O peor son os efectos desta impugnación porque hai postos de traballo que estaban a piques de poñerse en funcionamento, polo que se crea moita confusión, tamén no sector mar-industria", analizou Villares, á vez que avanzou que se reunirán co sector "para ver que medidas hai que tomar" e seguir "defendendo o litoral".
O director do Observatorio do Litoral, Javier Sanz Larruga, tamén presente na reunión, comentou que a idea con esta lei era "facer unha aposta moi potente polas competencias que ten Galicia". Sanz insistiu en que se respectou "escrupulosamente o marco constitucional" e lamentou que "non houbese un debate" sobre a norma.