Publicador de contidos
Publicador de contidos

A Xunta traslada que a redución de ratios salvará máis de 850 aulas en Galicia, ameazadas pola falta de alumnos

A Xunta traslada que a redución de ratios salvará máis de 850 aulas en Galicia, ameazadas pola falta de alumnos

O Goberno galego defende a medida acordada o pasado outono cos sindicatos para manter en pé a estrutura do sistema educativo galego

Román Rodríguez pon en valor as ferramentas dixitais EDIXGAL e CRAEGAL, como complemento á formación do alumnado

G24.gal 29/05/2024 11:42

Entre as novidades máis destacadas que se porán en marcha o próximo curso no ámbito educativo, está a redución de alumnos por aula nos cursos de 4º de educación infantil, que pasarán de 25 a 20.

A medida acordada coa representación sindical o pasado outubro permitirá manter abertas entre 850 e 900 aulas en escolas de toda Galicia, afectadas pola falta de nenas e nenos.

Esta mañá, nunha entrevista na RG, o Conselleiro de Educación destacou o problema da baixa natalidade no país como fenómeno que vai en aumento nos últimos anos. Como dato, Román Rodríguez trasladou que no actual curso foron ofertadas máis de 21.000 prazas e delas tan só se cubriron algo máis de 15.000, o 68 por cento.  

A redución de ratios por aula persegue manter en pé estas unidades, especialmente no rural. 

"Estamos vendo que a medida de pasar e 25 a 20 alumnos en 4º de educación infantil posibilita manter abertas unha serie de unidades, de non ser así habería que pechar. Estimamos que nos próximos 3 anos, poderemos salvar entre 850 e 900 unidades no sistema educativo galego. Isto permite manter a estrutura educativa, sobre todo nos contornos rurais, máis afectados pola baixa demografía".

Román afirmou que se trata dunha medida que se vai poñer en funcionamento de forma progresiva e que polo de agora non xerou un problema na matriculación de cara ao próximo curso, xa que o 97 por cento do alumnado atopou praza no centro solicitado.

CREAGAL e E DIXGAL

O conselleiro de Educación defendeu o modelo proposto pola Xunta para trasladar ao alumnado as competencias en materia dixital. Con todo, manifestou Román Rodríguez, non se trata dun fin en si mesmo, senón dun medio para acadar unha aprendizaxe pensando no futuro. 

"Ninguén dubida de que hoxe a dixitalización está presente en todos os ámbitos da vida e cómpre preparar o alumnado para o futuro", trasladou.

Neste sentido, definiu a plataforma CREAGAL, na que traballan arredor dun cento de docentes, como un modelo de contidos dixitais en liña cos currículos aprobados recentemente, e que pode ser empregada libremente polo profesorado e alumnado.

O conselleiro non lle deu maior importancia ao feito de que existan centros que decidiran abandonar o sistema EDIXGAL, uns 15 segundo datos da Consellería, fronte aos 630 que hai no conxunto da Comunidade. Trasladou Román que se trata dunha decisión voluntaria dos centros de ensino, en función dos modelos pedagóxicos ou, incluso cambios na dirección. En calquera caso, remarcou, trátase dun modelo "híbrido", e de ferramentas que se poden complementar coa aprendizaxe tradicional. 

Cambios na FP 

Sobre a nova ordenación pensada para a FP do próximo curso, manifestou Román que deriva da aplicación dos cambios lexislativos, que en Galicia non terán grande impacto, matizou, dado que a proposta do Ministerio se base nos modelos máis avanzados para os ciclos de formación profesional, entre eles o País Vasco e Galicia.

Os cambios fundamentais, subliñou o titular de Educación da Xunta, pasan pola nova denominación dos ciclos, a FP Dual  será FP Dual Intensiva, e as prácticas propias dos ciclos quedarán recollidas como FP Dual. O outro está relacionado co reforzo do inglés. 

O conselleiro de Educación criticou ao Ministerio pola tardanza na aprobación dos decretos, o que agora xera dificultades na súa tramitación ás CC. AA. 

Román Rodríguez rematou pedindo unha reflexión sobre a percepción social que existe da Formación Profesional e a falta de man de obra nalgunhas profesións vinculadas directamente a estes ciclos. Destacou que non ten sentido que os sectores produtivos demanden traballadores, que exista unha formación e que eses postos non se cheguen a cubrir. 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade