Publicador de contidos
Publicador de contidos

A Xunta cre que os descontos no transporte serán "unha axuda" ás familias

A Xunta cre que os descontos no transporte serán "unha axuda" ás familias

Ethel Vázquez, entrevistada na Radio Galega, asegura que é un agravio que o Estado non conte con Galicia no borrador do novo mapa de autoestradas ferroviarias

G24.gal 01/09/2022 11:31

A conselleira de Infraestruturas Ethel Vázquez ve nos descontos nos abonos do transporte metropolitano unha axuda ás familias e ás empresas de autobuses máis afectadas pola crise.

Desde hoxe a Xunta aplica un 50 por cento de desconto nos prezos de transporte público. A responsable de Transportes da Xunta explicou nunha entrevista no Galicia por diante da Radio Galega as condicións para a posta en marcha desta medida.

A Conselleira de Infraestruturas apunta que aínda haberá que agardar uns días para falar de resultados, non obstante manifesta que a medida axudará ás familias, pero tamén a moitas empresas de transporte de autobús afectadas pola crise actual. 

Bonos e frecuencias tren

Ethel Vázquez reclamou novamente a recuperación das frecuencias ferroviarias que foron suprimidas coa covid-19. Afirma que a estas alturas a Xunta non ten constancia de que Renfe teña intención de recuperar estas liñas no curto prazo. 

Denuncia falla de transparencia por parte do Ministerio respecto a este asunto.

A conselleira considera un agravio comparativo que o Ministerio de Transportes deixe a Galicia fóra do borrador do mapa de Autoestradas Ferroviarias con que traballa o Goberno. Remarca que a estas alturas non se produciu avance ningún no Corredor Atlántico, que segue sen plan director e sen comisionado.

"Un novo agravio, pretendendo illar a comunidade autónoma das melloras que precisa para ser máis competitiva", traslada. 

Lei do ciclo da auga e seca 

Este xoves ponse en marcha a Lei de Mellora do Ciclo Integral da Auga, unha medida da Xunta á que se poden adherir voluntariamente todos os concellos de Galicia. Salienta Ethel Vázquez que, a maiores de axudar na xestión da auga os concellos con menos medios, o feito de profesionalizar este servizo contribuirá a atallar mellor situacións como a seca que estamos a experimentar.

Falando precisamente da seca, manifesta a titular de Infraestruturas da Xunta que a situación é grave e que non se descarta activar a alerta nalgunha zona de Galicia. Neste momento, engade, precísanse chuvias moderadas durante máis dun mes para reverter a seca. Vázquez fai un chamamento á contención no consumo.

Vertedura no Tambre

Traslada Ethel Vázquez que a vertedura de xurros que afectou nas últimas horas un afluente do río Tambre está neste momento estabilizada e que non hai perigo no abastecemento de auga para as zonas de Santiago e Ames.

Tanto Augas de Galicia como o concello continúan realizando analíticas para comprobar que a calidade da auga é boa e mantéñense vixiantes por se fose necesario adoptar novas medidas de contención.

Potabilizadora de Vigo

Sobre as obras na potabilizadora do encoro das Eiras, que abastece a Vigo, sostén a conselleira que o Concello de Vigo xa sabía desde hai moito tempo da necesidade de modernizar a planta de potabilización, porque o encoro das Eiras é o máis grande de toda a demarcación e o estado da instalación non permite realizar o tratamento da auga en condicións óptimas.

Ethel Vázquez remata expresando que este non é o momento de buscar confrontacións, senón de sumar esforzos e coordinación para loitar contra a seca. 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade
Pódeche interesar
Publicador de contidos