A zona do Obelisco na Coruña recupera a Noite Branca para dinamizar o pequeno comercio
A zona do Obelisco na Coruña recupera a Noite Branca para dinamizar o pequeno comercio
Á iniciativa súmanse máis de 200 establecementos e un dos principais atractivos para que a xente merque son os descontos
As tendas amplían horarios e manteñen abertas as súas portas para recibir ao público. "É unha axuda ao pequeno comercio porque nos xuntamos máis de 200 comercios e dámonos voz uns a outros. Tamén axudamos con descontos e facemos máis doado que á xente lle apeteza vir", comenta Carolina Carreiro, comerciante da tenda de roupa de bebé Luna Lunera.
Un dos principais atractivos para quen merque: os descontos, sorteos e premios.. que se fan a través dun código QR. "Hai que baixar unha aplicación no móbil coa que se pon en funcionamento unha ruleta onde se sortean premios como unha cea para dúas persoas, unha masaxe corporal ou descontos", explica Rosa Mena, xerente da Asociación Zona Comercial Obelisco.
200 establecementos
Desta volta súmaronse á iniciativa máis de 200 establecementos. Ambiente festivo na rúa que se completa con actividades de lecer: desde degustacións a xogos. "Hai música na rúa. Hai tamén zona para nenos e que os pais poidan deixalos alí mentres van de compras ou tomar algo. É unha tarde-noite especial na que agardamos que a xente baixe ao centro e que estean a gusto por aquí", di Isabel Porto, presidenta da Asociación Zona Comercial Obelisco.
Unha Noite Branca que se prolongará ata a medianoite.