Publicador de contidos
Publicador de contidos

Abanca negocia coa canadense Cooke a venda de Nueva Pescanova

Abanca negocia coa canadense Cooke a venda de Nueva Pescanova

A entidade bancaria di que a multinacional de produtos do mar continuará mantendo a marca e a sede en Vigo e confía en que as negociacións se concreten nas próximas semanas

O Goberno galego cre que a operación pode axudar a consolidar a posición da pesqueira galega

EFE 13/04/2023 13:23 Última actualización 13/04/2023 20:29

Abanca elixiu a canadense Cooke Inc. para a venda de Nueva Pescanova, en detrimento da estadounidense Red Chambers e a galega Iberconsa.

Nun comunicado da entidade bancaria remitido á prensa este xoves din que houbo entendemento con Cooke Inc. para negociar en exclusividade a compravenda do 80 % da súa participación en Nueva Pescanova, que manterá a súa marca e sede en Vigo.

Durante as próximas semanas, afirma Abanca, avanzará o proceso de negociación habitual neste tipo de transaccións, co obxectivo de alcanzar un acordo para a adquisición dunha maioría en Nueva Pescanova "por unha das principais compañías familiares de proteína mariña do mundo".

A transacción defende unha valoración futura de Nueva Pescanova de 800 millóns de euros.

Da terna de candidatas, Iberconsa, en mans do fondo norteamericano Platinum Equity desde 2019, parecía levar a dianteira porque, entre outras cousas, garantía a continuidade de Nueva Pescanova en Galicia como desexaba Abanca.

Con todo, a entidade bancaria, titular dun 97,76 por cento do capital da multinacional pesqueira, explica que a sede de Nueva Pescanova continuará en Vigo e garante que continuará apoiando á compañía no desenvolvemento do seu proxecto empresarial coa súa presenza no accionariado e, á vez, como aliado bancario da multinacional.

 

O Goberno galego valora o acordo de venda

Desde o Goberno galego ven positivo o acordo de Abanca para a venda a empresa canadense de Nueva Pescanova. Á espera de coñecer os detalles, o vicepresidente primeiro da Xunta, cre que a venda pode contribuír a consolidar a posición de Nueva Pescanova,  e tamén, engadiu Francisco Conde, a xerar emprego.

"Nós o que agrardamos é que unha vez que se avalía o acordo, que saibamos realmente cales son os aspectos concretos,  ese acordo permita que Nueva Pescanova poida trazar un futuro, consolidar emprego e poida seguir sendo unha referencia desde o punto de vista industrial", di Francisco Conde, vicepresidente primeiro da Xunta de Galicia.

 

Con este acordo con Cooke, afirma Abanca que “se cumpre un fito relevante”, así como o compromiso adquirido pola entidade bancaria de incorporar a un socio industrial de prestixio para facilitar o crecemento das operacións de Nueva Pescanova e xerar novos investimentos en Galicia.

“Desde 2015 realizamos un considerable esforzo para salvagardar a viabilidade da compañía e manter á matriz e ás súas filiais integradas, e á súa vez conservar a súa sede en Galicia. O acordo que alcanzamos permite cumprir a nosa folla de ruta e integrar Nueva Pescanova nunha das principais compañías familiares de proteína mariña do mundo”, dixo Juan Carlos Escotet, presidente de Abanca.

Cooke Inc, que vén de comprar a australiana Tassal e a comercializadora estadounidense Slade Gorton, foi escollida pola súa “gran capacidade operativa”, segundo Abanca, o que “permitirá reforzar a estabilidade, fortalecer o crecemento e desenvolver o talento da pesqueira galega”.

Outros aspectos diferenciais, detalla no documento informativo a entidade bancaria, foron a súa contrastada experiencia en completar procesos de integración de compañías, que no caso de Nueva Pescanova presúmese complexo, así como a súa integración vertical e a súa historia como empresa familiar.

Esta compañía familiar canadense con sede en New Brunswick conta con divisións de acuicultura, proteína mariña, pesca salvaxe e nutrición, opera en doce países e o seu persoal é de case 13.000 empregados, polos algo máis de 9.000 que ten a pesqueira galega.

“A entrada de Cooke ten o obxectivo de lograr todo o potencial en orixes, procesos industriais, e ámbitos comerciais que posúe Nueva Pescanova”, finaliza a súa explicación Abanca.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade