Publicador de contidos
Publicador de contidos

Abertas as fronteiras de Ceuta e Melilla con Marrocos despois de 795 días pechadas

Abertas as fronteiras de Ceuta e Melilla con Marrocos despois de 795 días pechadas

Estiveron pechadas pola pandemia e a crise institucional entre España e Marrocos 

Foi o período máis longo do peche deste paso desde a súa creación

G24.gal 17/05/2022 08:43 Última actualización 17/05/2022 09:20

As fronteiras levaban 2 anos, 2 meses e 4 días pechadas pola pandemia e a crise diplomática entre España e Marrocos. O mesmo tempo que levaban moitos cidadáns sen ver a súa familia.

A reapertura está sendo parcial para evitar aglomeracións.  Seguen paradas as aduanas para mercadorías e de momento só poden pasar os cidadáns da Unión Europea e os que teñan un visado Schengen. E deben cumprir certos requisitos sanitarios como ter a pauta completa da vacina contra a covid.

España e Marrocos acordaron abrir as fronteiras a semana pasada, dentro dos acordos dende que retomaron as relacións diplomáticas.  E para moitos será tarde. Portadores e persoas que cruzaban cada día para traballar, moitas empregadas do fogar, perderon os empregos e agora non saben se poderán recuperalos.  A delegación do Goberno cifra en 300 os traballadores con contrato na actualidade cando antes do peche eran 2.000.

O paso fronteirizo de Beni- Enzar, o máis importante dos catro que conectan España e Marrocos en Melilla, é ao que corresponden as imaxes.

A expectación na contorna do paso fronteirizo era máxima desde minutos antes da reapertura, con centos de persoas que acudiron ata alí para presenciar un momento histórico xa que, desde que Marrocos pechou o enreixado o 13 de marzo de 2020, só se volveu a abrir poucos meses despois para repatriacións puntuais de marroquís atrapados en Melilla.

A xente que se acumulou a ambos lados da fronteira cantaron a conta atrás e celebraron con berros de ledicia e palmas a reapertura da reixa. Logo axiña comezaron a cruzar os primeiros cidadáns cargados con maletas e moitas familias con nenos para visitar as familias, das que estiveran separados máis de dous anos.

Tamén se desprazaron ata a fronteira o presidente da Cidade Autónoma, Eduardo de Castro; a delegada do Goberno, Sabrina Moh, e algúns deputados locais de Coalición por Melilla (CPM), o principal partido do Goberno da Cidade Autónoma, que quixeron ser testemuñas dunha reapertura que pon fin ao período de peche máis longo da historia desta infraestrutura.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade