Aberto o prazo para reservar as vacacións do Imserso
Aberto o prazo para reservar as vacacións do Imserso
As Canarias e a costa mediterránea, os destinos preferidos para os galegos
Esta mañá foi de moita trasfega nas axencias de viaxes.
"Nós chegamos aquí sobre as oito e vinte máis ou menos e xa había un montón de xente aquí fóra", conta Reyes Cuíña, xerente de Viaxes Deza.
Só os madrugadores puideron elixir o destino que querían. Os de sol e praia son os favoritos dos xubilados galegos.
"Se podo ir para a costa pois mellor".
" Pedimos as illas Canarias e despois as Baleares, e despois a partir de aí o que haxa".
"Nós as illas, si".
"Ao coller primeiro a comunidade de Madrid, Cataluña e todos eses, os últimos somos os galegos, cando chegamos xa non temos nada".
Esta era unha das queixas máis repetidas esta mañá, porque noutras comunidades o prazo abriu o martes e foron os primeiros en elixir destino, polo que dos favoritos quedaban xa poucas prazas.
"Gran Canaria e Mogán nos cinco primeiros minutos desapareceron; Gandía, que había dúas saídas en abril, tamén nos 5 primeiros minutos xa non quedaban, non quedaba ningunha praza, nin lista de espera", informa Reyes.
"Benidorm e Torremolinos, Benalmádena son os máis solicitados e os máis difíciles de coller por iso tamén", apunta Fernando Carrasco, director da axencia de viaxes Ría do Burgo.
As tarifas non cambiaron con respecto ao ano pasado malia a inflación, polo que moitos hoteis decidiron este ano non participar no programa do Imserso. Os máis beneficiados, os xubilados.
"Por 212 euros vas oito días a Benidorm con todo pagado, entón está claro que a xente pelexe por viaxar porque é unha bicoca", sentencia Reyes Cuíña.