Publicador de contidos
Publicador de contidos

Abre o prazo de matrícula para acceder á rede pública de escolas infantís

Abre o prazo de matrícula para acceder á rede pública de escolas infantís

Os pais e nais poden solicitar praza desde mañá ata o vindeiro 5 de abril

O Diario Oficial de Galicia publicou este xoves o calendario de matriculación

 

A conselleira de Política Social Fabiola García realizou o anuncio esta mañá nunha entrevista no Bos días
G24.gal 16/03/2023 09:10 Última actualización 16/03/2023 14:41

A conselleira de Política Social e Xuventude Fabiola García anunciou no Bos días da TVG a apertura do prazo de matrícula para as escolas infantís públicas autonómicas para o vindeiro curso 2023-24. Sinalou que os pais e nais poderán solicitar unha das 10.500 prazas ofertadas desde mañá venres e ata o vindeiro 5 de abril.

"Desde mañá e ata o 5 de abril os pais poden inscribir os seus fillos nas escolas infantís da rede pública autonómica, 10.500 prazas totalmente gratuítas para os pais e nais".

O Diario Oficial de Galicia publicou hoxe o calendario de matriculación nestes centros, que serán gratuítos para as familias galegas por segundo ano consecutivo.

A conselleira lembrou que Galicia se converteu o pasado ano na primeira Comunidade en facer gratuítas todas as escolas infantís, independentemente da súa titularidade, durante oito horas ao día e once meses ao ano. Unha medida que beneficia a 31.000 familias, que aforran arredor de 2.000 euros ao ano e na que a Xunta inviste máis de 55 millóns de euros anuais.

Fabiola García anunciou a apertura, o vindeiro curso, da escola infantil pública autonómica da Cidade da Xustiza, en Vigo, que ofrecerá 40 prazas novas de atención para os traballadores deste centro.

A conselleira sinalou que as escolas infantís galegas "serán aínda máis seguras e estarán máis protexidas" tras a ampliación do calendario de vacinación infantil, obrigatorio para todos os centros da nosa comunidade autónoma. Segundo explicou, "Galicia contará a partir deste ano co calendario de vacinas máis completo de España, de Europa e do mundo" ao incluír a vacina fronte ao virus respiratorio sincitial e contra o rotavirus.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade