Publicador de contidos
Publicador de contidos

Arrinca o curso nas escolas infantís de Galicia, o terceiro de balde para máis de 32.000 pequenos

Arrinca o curso nas escolas infantís de Galicia, o terceiro de balde para máis de 32.000 pequenos

Galicia conta con 175 escolas infantís da rede pública autonómica

G24.gal 06/09/2024 15:01

"Levamos días dicíndolle que ten que volver ao cole, e, ben, está un pouco receoso, estase mellor na casa cos mecos dos pais", conta unha nai

As 175 escolas infantís da rede pública autonómica abriron hoxe as súas portas para darlles a benvida aos máis pequenos da casa, e un ano máis serán de balde para todas as familias, independentemente do centro que elixan.

  "Hoxe damos comezo a ese curso 2024-2025, que é o terceiro ano consecutivo con esa gratuidade total na Educación Infantil. Máis de 32.000 familias de Galicia van poder beneficiarse desta gratuidade tanto nas escolas infantís da Xunta de Galicia como noutras escolas infantís privadas, municipais ou de iniciativa social", explica Fabiola García, conselleira de Política Social

Con esta iniciativa, que ten un investimento de máis de 60 millóns de euros, Galicia lidera a escolarización con taxas que están preto do 60%.

" Sendo de balde por suposto que as familias, e nos tempos en que estamos, se animan máis a traer os pequenos", apunta Carmen Casais, directora da escola infantil de Catabois

O obxectivo é facilitarlles aos pais a conciliación da vida laboral e familiar, por iso os centros están abertos 8 horas diarias durante os 11 meses que dura o curso.

"Co primeiro case non podía traballar e con ela podo traballar case a xornada completa", conta outra nai

"Desexarlles a todos os nenos un bo comezo, pero sobre todo aos pais que teñan esa tranquilidade, esa ledicia e esa ilusión por ter os seus pequenos sabendo que están ben atendidos, pero sobre todo que están aprendendo", desexa a conselleira

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade