Publicador de contidos
Publicador de contidos

Abre o prazo para acceder ás escolas infantís de titularidade autonómica

Abre o prazo para acceder ás escolas infantís de titularidade autonómica

As listas provisionais coñeceranse o vindeiro 6 de maio e as definitivas, o 31

En xuño abre o prazo de matrícula e o curso bota a andar o 6 de setembro

G24.gal 16/03/2024 09:45 Última actualización 16/03/2024 10:12

A Xunta abre este sábado, e ata o 5 de abril, o prazo para solicitar unha das 1.500 prazas nunha escola infantil de 0 a 3 anos que sexa de titularidade autonómica. As listas provisionais de admisións coñeceranse o 6 de maio e as definitivas, o 31.

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publicou este venres dúas resolucións da Consellería de Política Social e Xuventude, para informar do procedemento de reserva de praza e os criterios para dar prioridade ás solicitudes.

O curso bota a andar o venres 6 de setembro e os centros estarán abertos de luns a venres fóra dos festivos e os días 23, 24 e 31 de decembro. Con carácter xeral, tampouco abrirán en agosto, pero se o solicitan polo menos 15 familias, poderase habilitar un centro por localidade nese mes.

Na adxudicación de prazas terán prioridade -nesta orde- os menores xa escolarizados nas escolas autonómicas o curso anterior, e aqueles que cursaran noutra escola infantil da rede pública pero cambiaran de domicilio.

Para novos ingresos, primaranse os fillos e fillas do persoal da escola pública para a que se solicite o ingreso; irmáns dos que xa están no centro e menores baixo a garda ou tutela da Xunta.

Novidades na baremación

No resto de casos, as prazas outorgaranse en base ás circunstancias sociais e económicas das familias. Unha das principais novidades para o vindeiro curso é aumentar a baremación cando os proxenitores teñen emprego: cada un terá 8 puntos, fronte aos 7 que daba o ano pasado.

Así mesmo, cada proxenitor en paro outorga 2 puntos e, se é perceptor da renda de inclusión social de Galicia (Risga), recibe 3. Tamén se terán en conta criterios económicos, en base aos ingresos da familia, e outras circunstancias como o número de membros, entre outras.

Para acadar unha das 1.500 prazas das escolas autonómicas, os menores terán que residir en Galicia e ter unha idade mínima de 3 meses na data de ingreso e non ter cumpridos os 3 anos o 3 de decembro de 2024.

Unha vez coñecida a listaxe definitiva de admisión, o 31 de maio, abrirase un prazo de 10 días hábiles a contar desde a publicación da resolución no DOG para poder presentar a documentación da matrícula xunto á copia da cartilla de vacinación, a través da sede electrónica da Xunta.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade