Abren as matrículas universitarias de grao ou de ensino artístico superior, que xa son gratuítas
Abren as matrículas universitarias de grao ou de ensino artístico superior, que xa son gratuítas
O conselleiro de Educación subliña que se trata dun procedemento "moi sinxelo"
O conselleiro de Educación Román Rodríguez felicitou as tres universidades públicas galegas polo traballo que realizaron os seus servizos informáticos para que este mércores sexa efectiva a matrícula gratuíta para os estudantes de grao ou ensinos artísticos superiores que inicien os seus estudos.
O titular de Educación acudiu este luns a unha reunión na Universidade de Santiago de Compostela (USC) en que destacou que a Xunta traballou cos servizos informáticos e técnicos das diferentes universidades para articular un procedemento "moi sinxelo, moi fácil e moi intuitivo".
O obxectivo da reunión, á que tamén acudiu o reitor da USC Antonio López, foi testar o sistema para a gratuidade da matrícula universitaria e comprobar o seu "bo funcionamento".
Román Rodríguez tamén subliñou que cando consideraron poñer en marcha esta medida, o que querían era que fose "fácil de aplicar" e que non xerase "ningún problema", nin aos estudantes que se van matricular nin ás propias universidades.
Bonificación do 99 % da matrícula
Respecto aos estudos de grao, todos os estudantes de novo ingreso obterán unha bonificación do 99 % da matrícula para iniciar os seus estudos no sistema universitario galego ou en centros públicos de ensinos artísticos superiores.
Isto supón que os alumnos que cumpren os requisitos aboarán o 1 % do custo da matrícula, é dicir, unha media de 7,1 euros ao ano.
Durante a reunión, o conselleiro destacou que esta medida, que entra en vigor este mércores, é a "primeira vez" que se pon en marcha en Galicia e en España. Tamén asegurou que o obxectivo que ten a Xunta é que no resto de cursos tamén poidan acceder á matrícula gratuíta en función da porcentaxe de aprobados e conforme ás diferentes titulacións.
"As universidades non van perder nin un só euro dos seus ingresos, senón que este ingreso está complementado ou está achegado pola Xunta", engadiu Román Rodríguez.
"É unha boa noticia para os estudantes galegos, porque van ser os únicos en España que poidan empezar nas escolas infantís e acabar un grao universitario dentro do sistema educativo público de forma gratuíta", explicou.
O sistema xa foi posto a proba
Segundo o conselleiro, a reunión serviu como proba para ver que o sistema funciona. "Felicito os servizos informáticos por faceren posible que funcione a partir deste mércores, porque sempre hai un pouco de medo de que non funcione cando hai estas cousas", afirmou.
Tamén destacou que hai alumnos que reciben outro tipo de bonificacións: por familia numerosa, ser vítima de terrorismo ou teren bolsa do Ministerio, polo que non poden beneficiarse desta medida. "Agrégase esta nova medida para ampliar o espectro de alumnos que non van ter que facer fronte a ningún tipo de pagamento", explicou Román Rodríguez.