Abren dúas tumbas atopadas nunha necrópole medieval de Mondoñedo
Abren dúas tumbas atopadas nunha necrópole medieval de Mondoñedo
O conxunto funerario obxecto de estudo é do século IX e atópase nunha zona moi extensa
Nestes días están abrindo as dúas tumbas descubertas ata o momento na necrópole medieval localizada no lugar de Combarro, na parroquia de San Vicente de Trigás en Mondoñedo, para coñecer en que condicións se atopan os restos óseos.
A subdelegada do Goberno en Lugo, Isabel Rodríguez, destacou hoxe en Mondoñedo o compromiso do Goberno coa investigación, conservación e posta en valor do patrimonio histórico lucense, cun investimento de 154.000 euros para realizar os traballos arqueolóxicos de escavación desta necrópole.
O terreo está actualmente cuberto de vexetación, pero a escavación permitiu descubrir dúas tumbas: unha infantil, en moi bo estado de conservación; e outra dunha persoa adulta, deteriorada polo progresivo paso do tempo.
As actuacións, financiadas con dúas axudas do Ministerio de Ciencia e Innovación á Universidade de Santiago de Compostela (USC), están a permitir desde o 1 de agosto que un equipo de expertos e profesionais documenten as condicións e o estilo de vida desta zona da Mariña durante a época medieval.
A primeira fase do proxecto permitirá determinar a área da necrópole e documentar parte do conxunto funerario para, en futuras fases do programa, poder coñecer como eran e como se relacionaban estas persoas, profundando nas relacións sociais e económicas da comarca da Mariña Central, da que existe un gran descoñecemento sobre esta época.
Así mesmo, desde a USC prevense accións divulgativas nos próximos meses para informar sobre os descubrimentos que se están rexistrando.
O conxunto funerario obxecto de estudo é do século IX e atópase nunha zona moi extensa, que se compón de diferentes espazos, centrándose estes días nas sondaxes de tres zonas de análises: o interior da leira, o exterior e a parcela ao carón.
Fóra do solar os profesionais levaron a cabo dúas sondaxes nos que acharon unha posible zona de ocupación previa ao cemiterio, entre os séculos V e VII, con varias pezas de cerámica.
A intervención completarase esta semana para determinar as estancias do devandito xacemento.
Unha vez finalizado o traballo de campo, todos os restos recuperados levarán a un laboratorio para ser analizados e documentados.