Publicador de contidos
Publicador de contidos

Absolven un acusado de agresión sexual a un menor ao non probarse que coñecese a súa idade

Absolven un acusado de agresión sexual a un menor ao non probarse que coñecese a súa idade

O home fora condenado en primeira instancia na Audiencia de Lugo e permanecía en prisión cumprindo unha condena de sete anos

O TSXG di que "non pode entenderse acreditado que o acusado tivese coñecemento de que a persoa coa que contacta -a través dunha rede de contactos- fose menor de 16 anos"

G24.gal 27/09/2023 16:18

O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia declarou non culpable un home que leva máis dun ano e medio en prisión por un delito de agresión sexual ao non acreditarse que coñecese a idade do menor co que quedara a través dunha aplicación de citas.

O home ten corenta e dous anos e é veciño de Ribadeo. Fora condenado a sete anos de cadea pola Audiencia Provincial de Lugo por manter relacións sexuais cun menor. Contactou cun mozo a través dunha aplicación móbil de citas, quedaron e tiveron un encontro sexual duns dez minutos nun coche, pero o mozo da cita tiña 14 anos.

A Audiencia de Lugo condenárao por delito de agresión sexual, pero o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia déixao libre porque entende que non tiña maneira de saber a idade real do rapaz. 

A Sala do Civil e Penal asegura que mantivo esas relacións sexuais “na crenza de que non era menor, nos termos da acusación”, e afirma que “non pode entenderse acreditado que o acusado tivese coñecemento de que a persoa coa que contacta fose menor de 16 anos”.

Explica na sentenza que hai que ter en conta que “é o menor o que se fai pasar por maior de idade ao subscribirse a unha páxina de contactos que só admite maiores”, á vez que incide en que esta circunstancia, de inicio, “provoca a presunción no acusado de que a persoa coa que se cita non é menor”.

A partir deste dato, afirma que hai que reflexionar “sobre o que lle era esixible ou ao que puido ou debeu exporse o acusado unha vez que o menor entra no seu vehículo”.

Os maxistrados explican que, no presente caso, ao acusado “nada o podía levar a sospeitar, á vista das conversacións de WhatsApp mantidas, a ausencia de coñecemento previo de ningún tipo, a práctica ausencia de dialogo dentro do vehículo e o moi breve espazo de tempo que durou o encontro” de que era menor de 16 anos.

“Ademais, o mozo levaba posta unha máscara, que non se chegou a quitar completamente en ningún momento, segundo recoñece, do mesmo xeito que recoñece non dicirlle a idade, sendo igualmente significativo que non quixese denunciar nin se sentise enganado, segundo as súas propias manifestacións”, salienta o TSXG, á vez que indica que, ademais, “a estatura e corpulencia do menor era superior á do acusado, sendo difícil distinguir a idade nesa franxa, tendo en conta as diferenzas de aparencia física entre individuos”.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade