Publicador de contidos
Publicador de contidos

Acaba sen acordo o cumio informal para renovar os altos cargos da UE

Acaba sen acordo o cumio informal para renovar os altos cargos da UE

"A conversa de hoxe foi un paso útil para preparar o próximo Consello Europeo, pero as decisións tomaranse no próximo Consello Europeo de finais de mes", dixo Charles Michel

G24.gal 18/06/2024 00:26

O cumio informal dos xefes de Estado e de Goberno da Unión Europea para negociar a renovación dos altos cargos da UE concluíu a noite deste luns sen un acordo sobre os nomes para ocupar os catro postos institucionais en xogo.

"Foi unha boa conversa, creo que vai na boa dirección, pero non hai acordo hoxe", dixo o actual presidente do Consello Europeo, Charles Michel, nunha comparecencia ante a prensa.

Os líderes dos Vinte e sete volverán tentalo no seu cumio formal dos próximos 27 e 28 de xuño despois dun primeiro contacto no encontro deste luns no que "se fixeron propostas" sobre as que se traballará nos próximos días.

"Estaba perfectamente claro desde o principio que o obxectivo hoxe non era tomar unha decisión, isto está planeado para a próxima semana. Esta reunión estaba prevista para ter un intercambio de puntos de vista en profundidade, ser transparentes os uns cos outros, compartir preocupacións, prioridades e expectativas de forma que todos nos escoitemos", sinalou Michel.

O presidente do Consello Europeo recalcou que crear esa confianza "axuda a tomar unha decisión" e salientou que o deber colectivo dos Vinte e sete é chegar a un consenso para finais de xuño.

Preguntado por se hai unha maioría favorable á terna de Ursula von der Leyen para a Comisión Europea, António Costa para o Consello Europeo e Kaja Kallas como alta representante da Unión Europea para os Asuntos Exteriores e a Política de Seguridade, Michel dixo que "se aclarará a próxima semana".

"A conversa de hoxe foi un paso útil para preparar o próximo Consello Europeo. Pero as decisións tomaranse no próximo Consello Europeo", dixo. 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade