Acaban as vacacións con prezos en ascenso, por María Bastida
Acaban as vacacións con prezos en ascenso, por María Bastida
Quédanos esperar a estabilización da inflación a medio prazo e que os salarios manteñan un crecemento superior á inflación no próximo bienio
Xa está en marcha o mes de setembro, e con el a volta á rutina e as preocupacións aprazadas. Quen máis e quen menos cometeu algún exceso, e toca reaxustarse. O axuste vai resultar este ano un pouco máis complicado.
O certo é que os gastos que caracterizan o noso día a día non parecen ter clemencia co retorno do descanso estival. Certo que non se producen as subidas sen control de hai un ano, pero non é menos certo que todos os incrementos que sufrimos veñen empeorar unha situación que comezou a deteriorarse despois da pandemia sanitaria, agravada por uns salarios que non chegaron a avanzar ao ritmo que o IPC.
A inflación
Tal e como viña anticipándose, a inflación volveu repuntar no mes de agosto, avanzando tres décimas sobre a rexistrada en xullo. Os combustibles veñen de concatenar a súa oitava semana consecutiva de suba, en plena operación retorno, e todo apunta a que seguirán escalando no que queda de ano perante os recortes de produción de petróleo anticipados pola OPEP e o aumento da demanda na China.
A enerxía
Tamén vimos como aumentou o prezo da electricidade, impulsado polo incremento de demanda derivado das crises de calor deste verán. A ninguén lle escapa que o inverno se achega, e aínda está sen solucionar o problema da subministración do gas.
O Euribor
Hipotecas e alugueiros tampouco dan tregua, a pesar da lixeira caída do Euribor no mes de agosto (iso si, en termos interanuais). Para os hipotecados, anticípanse moitos cálculos neste ano, posto que as previsións apuntan a que o indicador se manteña en valores comprendidos entre o 4 % e o 4,3 % (e iso, se non aumenta a inflación).
Pola súa banda, os alugueiros están en máximos históricos. Case con independencia do lugar de residencia, difícil é atopar unha residencia que non implique un esforzo financeiro superior ao 30 % dos ingresos do fogar familiar.
A alimentación
En canto aos alimentos, repuntaron un 10,8 % en xullo, cinco décimas máis que no mes previo. As perdas asociadas á seca nas colleitas de cereais e outras producións agrícolas non permiten marxe de optimismo, menos cando algún dos produtos básicos beneficiados pola supresión do IVE, como o azucre, as patacas, o arroz ou o leite, se dispararon nestes meses. O aceite de oliva xa é un produto de luxo, máis de dez euros o litro.
A volta ao colexio
E a todo isto debemos sumarlle a volta ao colexio para quen teña menores en idade escolar. Os cálculos da Organización de Consumidores e Usuarios (OCU) estiman un encarecemento do 23,4 % respecto ao curso pasado, escalando en media sobre os 500 euros, o cal aínda complica máis a situación dos fogares para chegaren a fin de mes.
Fronte a todas estas malas noticias, quédanos esperar que realmente se materialicen as previsións de estabilización da inflación a medio prazo e que os salarios manteñan un crecemento superior á inflación no próximo bienio.
Neste contexto, sería desexable que se minimice a incerteza sobre a formación dun novo goberno, de forma que non se apracen as decisións de gasto. E mentres tanto, xa sabemos: engadir buracos ao cinto.