Acentúase a pugna política entre o PSOE e o PP pola reforma da sedición
Acentúase a pugna política entre o PSOE e o PP pola reforma da sedición
Patxi López sinala que o Goberno aposta pola convivencia e acusa o PP de "cainismo" e de "falta de sentido de Estado"
Cuca Gamarra di que a Sánchez "o único que lle importa son as hipotecas cos independentistas", non as que pagan os cidadáns
En Barcelona, Patxi López defendeu a modificación no delito de sedición como "unha medida valente e con sentido común". Engadiu que coas políticas de Sánchez Cataluña deixou de ser o gran problema e que o que se está fracturando é o independentismo e non España. Lembrou que, pola contra, con Rajoy no poder houbo dous referendos ilegais:
"O que sentaba nunha cadeira a fumar un puro mentres os problemas crecían e se convertían en graves conflitos era Rajoy. Pedro Sánchez non. Pedro Sánchez desde o primeiro minuto arremangouse, enfrontouse ao problema, foi valente e arriscou, porque non pensa en eleccións, pensa en solucións".
Desde o PP, Cuca Gamarra acusou a Sánchez de mentir e lembrou que chegou ao poder prometendo que levaría a Puigdemont ante a xustiza, que tipificaría o delito de referendo ilegal e que agravaría as penas por sedición. Gamarra asegurou que Sánchez está pagándolle ao independentismo a súa supervivencia política:
"En ningunha democracia europea se premia os que atacan a propia democracia. En ningunha democracia europea se fai unha lei ao ditado e á medida dos que vulneraron a lei. En ningunha democracia europea se somete o seu dereito penal ás necesidades do propio presidente do Goberno".