Publicador de contidos
Publicador de contidos

Acepta un ano de prisión por matar a súa cadela a golpes en Baiona

Acepta un ano de prisión por matar a súa cadela a golpes en Baiona

Tras acabar coa vida do animal lanzándoo contra o chan e dándolle unha patada, acusou a un empregado dun hotel de facelo

A execución da pena queda suspendida por tres anos, polo que non entrará no cárcere mentres non volva delinquir

O acusado coa súa cadela / Garda Civil O acusado coa súa cadela / Garda Civil
G24.gal 08/05/2024 16:08 Última actualización 08/05/2024 16:44

Un veciño de Baiona aceptou este mércores a pena de 12 meses de prisión, ao recoñecerse autor dun delito de malos tratos animais. Matou a súa cadela lanzándoa contra o chan catro veces e dándolle unha patada cando xa non se movía.

Así se acordou nunha vista de conformidade celebrada no Xulgado do Penal 3 de Vigo, na que a sala ditou sentenza e declarouna firme. A execución da pena de prisión queda suspendida durante 3 anos, sempre que o procesado non delinca nese tempo. Ademais, por ese mesmo período queda inhabilitado para exercer profesión ou actividade relacionada con animais, e prohíbeselle a tenencia dos mesmos.

Os feitos ocorreron na mañá do 9 de xullo de 2023, cando o acusado estaba coa súa cadela na vía pública. O animal escapou e entrou nun hotel. O dono dirixiuse a un empregado do establecemento para explicarlle que a cadela fuxira, e este, tras recoller ao animal e poñerlle a correa, devolveullo ao seu propietario.

Ao saír, o acusado levantou no aire ao animal, suxeito pola correa, e deixouno caer violentamente contra o chan ata en catro ocasiones, a pesar de que, á terceira vez, a cadela xa non se movía. Ademais, cando o animal estaba tendido no chan, propinoulle unha patada.

Momentos despois presentouse coa súa mascota morta en brazos na recepción do hotel e comezou a gritar e a increpar ao empregado, acusándolle de matar á cadela, polo que o traballador chamou á Policía. En presenza dos axentes, o acusado volveu repetir que o empregado matara á súa cadela, aínda que logo cambiou a súa versión e afirmou que morrera atropelada por un coche que saíu do hotel.

Tras estes feitos, foise do lugar co animal e enterrouno nun xardín na súa casa. Con todo, a Garda Civil comprobou que tiña antecedentes e identificouno como presunto autor dun delito de malos tratos animais e pola denuncia falsa. Logo procedeu á exhumación do can, para o seu traslado ás instalacións do Centro de Acollida e Protección de Animais da Deputación (CAAN), onde se lle practicou unha necropsia. 

O estudo confirmou que a cadela sufrira diversas contusións e fracturas dos ósos frontal e parietal dereito, así como un hematoma subdural, que lle ocasionaron a morte.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade