ACNUR pídelle á UE que alivie a presión dos países limítrofes con Ucraína
ACNUR pídelle á UE que alivie a presión dos países limítrofes con Ucraína
A portavoz en España de ACNUR reclama que se active a directiva europea que permite a acollida temporal en territorio comunitario dun número ilimitado de desprazados
150.000 ucraínos foxen do país en menos de 24 horas e os refuxiados chegan á 677.000
A Axencia da ONU para os refuxiados pídelle á Unión Europea que sexa solidaria e acolla en territorio comunitario ós desprazados procedentes de Ucraína.
Dende ACNUR cren que unha opción podería ser a entrada en vigor dunha directiva comunitaria aprobada en 2001 que nunca se chegou a empregar e que permite a entrada temporal en territorio europeo dun número ilimitado de persoas que foxen dunha catástrofe. Explicábao na Radio Galega, María José Vega, portavoz en España da Axencia da ONU para os refuxiados.
"É importante que esa xenerosidade que demostran os países limítrofes se reflicta nun apoio por parte da UE para poñer en vigor a directiva sobre a acollida temporal de refuxiados".
María José Vega, portavoz en España da axencia da ONU para os refuxiados, salienta a axilidade coa que reaccionaron os países lindeiros con Ucraína, abrindo as súas fronteiras e asistindo aos desprazados. "Ter unhas autoridades que fan un rexistro, cunha carpa, comida quente e xoguetes; ter persoas que brindan o coche e casa para botarlles unha man é moi loable e oxalá que esa solidariedade se poda compartir noutros estados para aliviar esa presión que están vivindo os estados da rexión.
"A poboación local de Romanía, Polonia, Eslovaquia está entregada en axudar estas persoas e iso reconforta".
María José Vega cifra en 280.000 o número de refuxiados que están absorbendo neste momento Polonia pero advirte que se a escalada non baixa podería chegarse ós catro millóns de desprazados. A portavoz en España de ACNUR reclama a implicación de todos os países membros e agradece a disposición das autoridades españolas e da sociedade civil para acoller refuxiados procedentes de Ucraína.
As dificultades para repartir axuda humanitaria
María José Vega explica que levan semanas traballando para abrir corredores humanitarios e facer chegar a axuda ás zonas de conflito. Con todo, salienta as dificultades que están tendo para conseguilo, sobre todo, na zona leste do país. "Esta fin de semana, a pesar das dificultades, levamos un convoi de axuda humanitaria desde Kiev á zona de Donbás con materiais de primeira necesidade: mantas, esteiras, bidóns de auga... Alí a situación é terrible, con bombardeos e combates. A poboación está en búnkers e tamén os nosos compañeiros teñen que agocharse".
A portavoz en España de ACNUR pide que se respecte o dereito humanitario e internacional. Lembra que en Ucraína a poboación leva xa oito anos de conflito. Nunha entrevista no Galicia por diante recalcaba:
"Mentres poidamos levar axuda humanitaria farémolo. Viven unha violencia brutal desde 2014 e necesitan e merecen vivir en paz".
150.000 ucraínos foxen do país en menos de 24 horas
Máis de 150.000 ucraínos fuxiron do país en menos de 24 horas, o que implica que o número de refuxiados que entraron a algún dos países veciños chega agora aos 677.000, dixo o alto comisionado da ONU para os refuxiados, Filippo Grandi.
Máis da metade de todos os refuxiados atópanse en Polonia, mentres que 90.000 chegaron a Hungría, 60.000 a Moldavia, 50.000 a Eslovaquia e 40.000 a Romanía, precisou Grandi nunha conferencia de prensa na que se presentou unha petición urxente de fondos da ONU para afrontar esta nova crise.
Os fondos necesarios elévanse a 1.100 millóns de dólares para financiar as operacións humanitarias en Ucraína no próximos tres meses.
A neve e o frío acompañan na súa viaxe os milleiros de refuxiados que abandonan Ucraína. O medo e a incerteza van tamén con eles. Deixaron ás présas as súas casas, co imprescindible para fuxir do terror da guerra.
As estacións de tren están ateigadas de xente que busca saír do país. Outros camiñan quilómetros para acadar a fronteira.
Polonia recibe o groso dos refuxiados. Aínda que tamén escapan por Romanía, Hungría ou Eslovaquia e outros países europeos. Algúns, os máis afortunados, conseguen reencontrarse cos seus aos cruzar os pasos fronteirizos.
Volver ao seu país é o desexo dos que estes días se ven obrigados a abandonalo.
Varios países preparan campamentos para unha primeira acollida. Máis de medio millón de persoas fuxiron de Ucraína tras a invasión rusa e a cifra non fai máis que aumentar.