Acordo para financiar a construción de 286 vivendas destinadas ao alugueiro social
Acordo para financiar a construción de 286 vivendas destinadas ao alugueiro social
Son 146 vivendas en dúas actuacións en Lugo, 66 vivendas en Ourense, 54 vivendas en dúas actuacións en Ferrol e 20 vivendas en Mos
Con este acordo ata a data proxectáronse un total de 785 vivendas en 19 actuacións dentro de nove municipios da comunidade
O Ministerio de Transportes, Movilidad e Axenda Urbana (Mitma) formalizou un acordo coa Xunta para financiar a construción de 286 vivendas en edificios enerxeticamente eficientes destinadas ao alugueiro social ou alcanzable.
O Mitma achegará 14,2 millóns de euros dos 44,9 millóns de euros orzados para a execución destes proxectos, divididos en seis actuacións, con cargo aos fondos NextGenerationEU, no marco do Plan de Recuperación Transformación e Resiliencia (PRTR), informa o Goberno nun comunicado.
Os acordos recollen axudas para a construción de vivendas en catro municipios da comunidade galega, coa seguinte distribución: 146 vivendas en dúas actuacións en Lugo, 66 vivendas en Ourense, 54 vivendas en dúas actuacións en Ferrol, e 20 vivendas en Mos (Pontevedra).
As vivendas construiranse en réxime de promoción pública polo Instituto Galego da Vivenda e Solo (IGVS).
En novembro de 2022, Mitma e a Xunta asinaron outros dous acordos para levantar 499 vivendas destinadas ao alugueiro social en trece actuacións, desenvoltas igualmente polo IGVS en réxime de promoción pública, cunha achega por parte de Mitma de 24,5 millóns de euros.
Desta maneira, co novo acordo, formalizouse, ata a data, a construción dun total de 785 vivendas en 19 actuacións dentro de nove municipios da comunidade, cunha achega por parte de Mitma de 38,7 millóns de euros.
No marco do Programa de axuda á construción de vivendas en alugueiro social en edificios enerxéticamente eficientes, dotado con 1.000 millóns de euros, Mitma transferiu en 2022 a Galicia 29,2 millóns de euros, e formalizou o compromiso financeiro con cargo á anualidade do ano 2023 polo mesmo importe.
A axuda que se achega é de ata 700 euros por metro cadrado de superficie útil de vivenda, cun máximo de 50.000 euros por vivenda, sinala o Ministerio.