Activado o Plan de Inundacións en 24 concellos onde os ríos superan o nivel de desbordamento
Activado o Plan de Inundacións en 24 concellos onde os ríos superan o nivel de desbordamento
Lugo e A Coruña son as provincias con máis ríos baixo vixilancia
Piden á poboación que non se achegue nin a pé nin en coche aos leitos dos ríos
Vixían o río Miño ao seu paso por Lugo. Superou o nivel de desbordamento e incluíuse no Plan de Inundacións INUNGAL. Outros sete ríos están na mesma situación na provincia.
O Ladra non respecta nin o tráfico ferroviario ao seu paso por Begonte onde puidemos ver un cervo atrapado na vía do tren rodeada de auga. Nese concello o río tamén ameaza a Nacional VI en varios puntos. O río Parga, na localidade do mesmo nome, asolagou instalacións do club fluvial e un muíño.
Na provincia de Ourense non lle quitan ollo ao Miño por risco de desbordamento en Ourense e na Peroxa. Tamén ao Sil no Barco de Valdeorras. Está baixo vixilancia o Avia en Ribadavia e o Arnoia en varias localidades.
Na provincia da Coruña están en alerta, ao superar o nivel de desbordamento, ríos desde Ferrolterra e O Ortegal ata a zona do Xallas ou a de Santiago. O Tambre ao seu paso por Sigüeiro vai moi crecido e saíu do leito en moitas zonas, pero os veciños din que xa o viron peor.
Na provincia de Pontevedra superou o risco de desbordamento o Lérez na capital, o Miño en Salvaterra, o Tea en Ponteareas e o Oitavén en Soutomaior.
O 112 actualiza cada pouco os ríos incluídos no Plan de Inundacións, o INUNGAL.