Publicador de contidos
Publicador de contidos

Actividade frenética na Limia pola colleita da pataca

Actividade frenética na Limia pola colleita da pataca

Calculan recoller uns 90 millóns de quilos, un 30 % menos ca un ano normal

A variedade agria é a máis afectada pola seca

G24.gal 21/09/2022 14:19

Coma se fosen sinais de fume, o po que levantan as máquinas indícanos que é tempo de colleita na Limia. Calculan levantar da terra uns 90 millóns de quilos, entre un 20 e un 30 % menos ca un ano normal, dependendo da variedade.

Luis Saa, director técnico da IXP Pataca de Galicia: "Na kennebec a redución non é tan esaxerada, entre un 15 e un 20 % con respecto a un ano normal, pero na agria pode chegar ao 30 ou 40 %".

Tamén se segue traballando á man, como antigamente. Fano coas variedades máis delicadas, para que non se manquen e cheguen sas ao mercado. "Á variedade kennebec, a máquina provócalle marcas na pel e non valen para o mercado", explica Víctor Cabido González, agricultor de Xunqueira de Ambía.

Dos prezos non hai queixa este ano. A seca afectou en toda España e hai escaseza no mercado. Están pagando uns 38 céntimos o quilo.

José Manuel Cabido González, agricultor: "Tamén hai que ter en conta que este ano houbo moitos máis gastos que o ano pasado, así que fai falta un prezo máis elevado para cubrir gastos".

Hai menos produción pero a calidade, aclaran, é excelente. Ao non chover tampouco se estendeu o mildio, unha das pragas máis destrutivas para este produto.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade