Actividades familiares en Cabeza de Manzaneda antes das nevaradas
Actividades familiares en Cabeza de Manzaneda antes das nevaradas
Contan cunha pista de xeo apta para todas as idades
Sendeirismo, piscina e spa forman parte da oferta
Malia o mal tempo, hai opcións para saír da casa e desfrutar en familia neste tempo de vacacións. É o caso de Cabeza de Manzaneda onde dispoñen dun amplo programa de actividades mentres agardan que cheguen as nevaradas.
A pista de xeo é o grande atractivo que ofrece estes días a estación de montaña. Un deporte sinxelo, doado de aprender, apto para todas as idades e polo tanto ideal para practicar en familia.
Iso si, cómpre ter coidado coas caídas. A neve aínda non chegou á montaña ourensá pero deslizarse coas coitelas sobre o xeo é unha boa opción para substituír os esquís. Este domingo, viñeron turistas de diferentes partes de Galicia, incluso de Ferrol, a case tres horas en coche.
Pero a pista de xeo non é o único atractivo que ofrece a estación de montaña mentres non chegue a neve. As instalacións contan tamén cunha piscina climatizada e cunha zona spa con diferentes saídas de auga e burbullas.
É o mellor xeito de combater o frío nun día no que choveu en abundancia e os refachos de vento chegaron aos 80 quilómetros por hora. Durante todo o mes de xaneiro vai continuar o programa de lecer, no que o sendeirismo xoga un papel importante. Denomínas "Montaña en familia".