Publicador de contidos
Publicador de contidos

Activo un incendio en Laza e estabilizado outro en Arbo

Activo un incendio en Laza e estabilizado outro en Arbo

A Consellería do Medio Rural sinalou que a superficie afectada por cada un destes incendios ascende ás 20 hectáreas

Estabilizado outro incendio en Oia en que arderon 6 hectáreas

G24.gal 16/09/2024 08:40 Última actualización 16/09/2024 14:42

Un incendio forestal permanece activo no municipio ourensán de Laza, parroquia de Trez, e outro foi estabilizado en Arbo (Pontevedra). Ambos ascenden a 20 hectáreas de superficie afectada.

O primeiro deles está activo desde as 19:22 horas do domingo e para a súa estabilización mobilizáronse ata o momento 13 axentes, 20 brigadas, 14 motobombas, dúas pas, tres helicópteros e cinco avións.

Foi unha noite de traballo moi duro para os servizos de extinción. Tamén para os veciños da zona. O lume chegou ata A Cañiza, na parroquia de Luneda, os veciños temeron polas súas casas, viñedos e plantacións. O incendio está estabilizado pero continúan os traballos na zona con medios aéreos e terrestres para evitar que poida reavivarse.

Arrefrian as zonas máis quentes pendentes da dirección do vento e das altas temperaturas que se rexistran na zona. Haberá que agardar a investigación, pero todo apunta a que poderiamos estar ante un novo lume provocado. 

Pola súa banda, ás 8:37 horas deste luns quedou estabilizado outro lume na parroquia de Mourentán, do municipio pontevedrés de Arbo, tras iniciarse ás 23:41 horas. Nos labores de extinción mobilizáronse dous técnicos, cinco axentes, 16 brigadas, 13 motobombas e dúas pas.

Debido a este incendio, segundo informaron fontes municipais, persoal dos servizos de emerxencia procedeu a avisar da situación os habitantes dunha vivenda situada nas inmediacións do incendio, pero non houbo que desaloxar ningún inmoble.

A Consellería do Medio Rural sinalou que a superficie afectada por cada un destes incendios ascende ás 20 hectáreas.

Tamén quedou estabilizado este domingo un incendio forestal que se declarara en Mougás (Oia) ás 20:15 horas e que calcinou unhas 6 hectáreas. Na súa extinción traballaron cinco motobombas (unha delas do concello), seis reténs da Xunta e unha escavadora. Pouco despois das once da noite quedou estabilizado.

Medio Rural lembra que está ao dispor da cidadanía o número de teléfono gratuíto 085, ao que deben chamar en caso de detectar algún incendio.

Ademais, existe un teléfono anónimo e gratuíto para denunciar calquera actividade delituosa incendiaria da que se teña sospeita ou coñecemento: 900 815 085.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade