Adeus á milenaria sobreira de Vilacova, un símbolo en Abegondo
Adeus á milenaria sobreira de Vilacova, un símbolo en Abegondo
Tiña trinta metros de altura e un peso de arredor de trinta toneladas
Caeu de madrugada por un golpe de aire ou unha enfermidade agochada
A sobreira máis senlleira de Vilacova xa non volverá dar sombra nin a súa silueta centenaria realzará o prado do lugar de Casa Grande. O aire ou unha enfermidade tombárona de madrugada. O estrondo dos seus trinta metros de altura e trinta toneladas de peso ao caer sentiuse nos arredores. Algúns veciños pensaron que fora un tremor.
A propietaria, Amanda Rial, non pode disimular as bágoas ao falar dela. A corticeira levaba na familia toda a vida. Non lle sabe a idade exacta, pero di que "debe ter mil anos polo menos". Aínda así, non tiña título de árbore senlleira, pero para eles era a mellor do mundo. Era considerada un símbolo do lugar.
A tarde anterior estiveran cortando a herba debaixo dela e ninguén lle notara nada. A árbore non avisou. O destino dos seus restos aínda está por ver, pero Amanda recolleu sementes para que as seguintes xeracións da familia poidan volver ver xogar o sol entre as pólas dalgunha descendente da vella corticeira.