Publicador de contidos

Publicador de contidos

Adif prevé cortar 12 días o tráfico no eixo atlántico para probar o ERTMS

Adif prevé cortar 12 días o tráfico no eixo atlántico para probar o ERTMS

Vai facer probas do sistema europeo que está operativo na nova liña de alta velocidade entre Madrid e Galicia ata Ourense

Tamén está en funcionamento no tramo de ancho ibérico entre a cidade das Burgas e as aforas de Santiago

G24.gal 15/04/2023 09:09 Última actualización 15/04/2023 11:27

A firma pública Adif, que xestiona as infraestruturas da rede de ferrocarril, prevé cortar o tráfico un total de 12 días para facer probas do sistema europeo de xestión ERTMS (sigla en inglés do sistema europeo de xestión de tráfico ferroviario).

A primeira interrupción será entre o 22 e o 24 de abril nas liñas que unen A Coruña e Vigo con Santiago de Compostela. Renfe anunciou que a pasaxe se trasladará de xeito alternativo en autobús.

"Adif ultima a posta en servizo do sistema de protección do tren ERTMS nivel 1 no eixe atlántico nos tramos entre A Coruña e Santiago de Compostela e entre Vigo e Santiago de Compostela, dun total de 155 quilómetros", indica o operador ferroviario.

Engade que se trata dunha "extensión do equipamento ata completar a despregadura entre Ourense e Santiago de Compostela" do novo sistema, que supón un investimento de 63,2 millóns de euros, "incluído o mantemento das instalacións por un período de 20 anos".

Nos labores de mellora da seguridade participan tres fabricantes do sector: o grupo español CAF, o alemán Siemens e os franceses Alstom e Thales.

As probas fan "incompatible" a circulación de trens no tramo entre Ourense e a capital galega, polo que tamén se interromperá o tráfico ferroviario nesta liña desde a noite do venres 21 de abril ata a mañá do 25 de abril.

Tramos con ERTMS

O sistema ERTMS está operativo na nova liña ferroviaria de alta velocidade de ancho europeo entre Madrid e Galicia que chega só ata Ourense e no tramo de ancho ibérico entre Ourense e as aforas de Santiago. No resto da rede aplícase o sistema Asfa, que seguirá activo como alternativa.

No proceso xudicial polo accidente do Alvia na curva da Grandeira, en que morreron 80 persoas, os sistemas de seguridade e prevención de accidentes como o ERTMS son unha peza clave para determinar responsabilidades.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade