Publicador de contidos
Publicador de contidos

Agricultores españois bloquean ducias de estradas coas súas protestas

Agricultores españois bloquean ducias de estradas coas súas protestas

O sector estase mobilizando a través de redes sociais á marxe das organizacións sectorais que tiñan previsto protestas para os próximos días

En Galicia, as mobilizacións non estaban previstas ata despois das eleccións, pero algúns grandeiros estanse organizando para sacar os tractores ás estradas

Bruxelas retira a redución dos pesticidas nun 50 % e buscará acordar co agro outra proposta

Concentración de tractores na A-4 en Toledo (EFE/Ismael Herrero)
G24.gal 06/02/2024 09:58 Última actualización 06/02/2024 15:08

Aínda non abrira o día e miles de tractores saían protestar en practicamente todas as comunidades autónomas. Bloquearon infraestruturas como os mercados maioristas de Zaragoza e Valladolid ou o porto de Málaga. Ocuparon estradas nacionais, autoestradas e autovías principais, moitas delas de conexión coa capital de España.

Ademais, dificultaron accesos a grandes cidades, como Valencia, e circularon polo centro doutras como Logroño, Salamanca ou Albacete.

As protestas deste martes están convocadas á marxe das grandes organizacións agrarias, mobilizáronse a través de grupos de Whatsapp e redes sociais, sen pedir autorización. Quéixanse do pouco que ingresan, da competencia desleal dos produtos importados de terceiros países e tamén da burocracia que lles impón a Unión Europea.

A maiores, sofren as consecuencias da seca, con restricións no regadío. Precisamente este martes o Goberno central publicou o listado dos 140.000 agricultores que recibirán axudas contra a seca, case 270 millóns de euros en total. A voceira Pilar Alegría defende que o Goberno estivo "en todo momento ao lado do sector primario do noso país".

Tamén o presidente do executivo se referiu á seca. Para Pedro Sánchez, "garantir o abastecemento de auga, sexa en Cataluña ou Andalucía é o urxente e atallar as causas que provocan a seca é o máis importante".

O Partido Popular acusa o Goberno de non facer nada polo agro. Segundo Cuca Gamarra, secretaria xeral do partido, "Estamos vendo como os problemas da seca, do despoboamento, da altísima burocracia, están aí pero, no entanto, a única lei que lle preocupa ao Goberno de España, a Pedro Sánchez, é a da amnistía".

Mentres tanto, continúan as tractoradas en toda España e ameazan con seguir a protesta indefinidamente.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade