Agriden a Andrés Cortabitarte á saída do xuízo do Alvia
Terminada a primeira sesión do xuízo polo accidente do Alvia en Angrois, nun clima de tranquilidade, viviuse un momento de tensión ao remate cando Andrés Cortabitarte, exdirectivo do Adif, saía e foi golpeado na cabeza.
Varias persoas agradaban a súa saída e foi increpado. Xa ao estar case fóra, unha das vítimas golpeouno.
A seguridade vaise reforzar nos próximos días, segundo informou o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia.
As vítimas afean que entrase pola porta de atrás
Ás portas do edificio que acolle a celebración do macroxuízo polo accidente do Alvia, e entre grande expectación mediática, concentrábanse a primeira hora da mañá as vítimas da traxedia. Pola mesma zona accedía ao edificio un dos imputados, Francisco Garzón, o maquinista.
Unha entrada que evitou o outro imputado, Andrés Cortabitarte, exxefe de seguridade do Adif, que o fixo por unha porta lateral. Un feito que afearon as vítimas.
Consideran que o inicio do xuízo é o paso final despois de nove anos de loita por descubrir a verdade. As vítimas quéixanse da demora dun xuízo no que aseguran non depositar esperanza ningunha.
Jaime perdeu o seu fillo no descarrilamento do Alvia en Angrois, tiña 27 anos. Teresa viviuno nas súas propias carnes.
Minutos antes do seu comezo aseguraban que a sentenza que saia deste xuízo non lles vai devolver os falecidos no accidente, pero queren que sirva para poñer sobre a mesa toda a cadea de erros que se cometeron para evitar que se volva repetir unha traxedia así.
Estaban tristes pero tranquilos portaban pancartas pedindo xustiza e responsabilidades políticas. Tamén piden claridade sobre o acontecido o 24 de xullo de 2013 os representantes políticos que acompañaban as familias e as vítimas neste primeiro día de xuízo.