Alarma pola actuación dos ladróns nunha aldea do concello da Bola
O último asalto en Berredo foi nunha casa deshabitada da que levaron todo canto atoparon
A ameaza dos ladróns ten desacougada a veciñanza dunha pequena aldea do concello ourensán da Bola. O último asalto foi nunha casa deshabitada da que levaron todo canto atoparon, incluída unha galería de aluminio duns cinco metros de longo.
Dúas veciñas de Berredo, amigas dos donos da casa, explican os danos ocasionados.
"Aquí había unha galería de aluminio que, como ve, xa non está".
"E deixaron aquel poste porque, se non, caíalles o faiado enriba".
Foron as portas abertas o que alertou a veciñanza. No momento do roubo ninguén se decatou de nada. A aldea de Berredo é grande, unhas setenta casas, pero a maioría están baleiras e os ladróns actuaron impunemente.
"Non deixaron roupa de cama, nin cubertos, nin os enchufes... Levaron todo o que servía e o que non deixárono tirado no chan", relata unha veciña.
Na mesma casa xa entraran antes. Arrincaron a cociña de ferro, levaron o que había nos caixóns e instalaron a sensación de inseguridade nunha aldea ata entón allea ao medo.
"Aquí eramos todos amigos, coas portas sempre abertas, non había chaves. E agora atopámonos moi sorprendidos". "Eu teño a casa aquí ao lado. Vai chegar un día que atopemos as portas abertas sen nada dentro. Non é que sexan cousas de valor, pero custounos traballo telo", din dous veciños.
Piden que a Garda Civil patrulle de vez en cando pola zona para disuadir os ladróns e axudar os veciños a durmir tranquilos.