Publicador de contidos
Publicador de contidos

Rouban por valor de 1.300 euros no bar da comisión de festas de Sar, en Santiago

Rouban por valor de 1.300 euros no bar da comisión de festas de Sar, en Santiago

Escalaron un muro e romperon unha ventá para acceder ao bar situado no recinto pechado da Colexiata de Sar

O secretario e a tesoureira da comisión de festas de Sar encontráronse co roubo este luns, o día principal da celebración no barrio compostelán
G24.gal 04/02/2025 14:19

Os integrantes da comisión de festas do barrio de Sar, en Santiago, quedaron estupefactos este luns á mañá cando acudiron ao bar da asociación.

Atrás quedaban dous días de festa con boa afluencia de público e moito traballo para eles cando descobren que entraron pola forza no local, remexeron todo e baleirárono dos produtos de máis custo, incluídas varias ducias de botellas de bebidas.

Manuel Montoiro, secretario da comisión de festas de Sar, explica que "levaron moitísimo alcol, un altofalante que era meu. En total, sobre 1.300 euros".

Todo apunta a que o autor ou autores non son de lonxe e entraron no recinto na busca da recadación da venda na festa do venres e o sábado. Pero non había cartos.

"Porque os metemos no banco a tempo e encontráronse con que non había diñeiro. Isto estaba pechado. Que o fixo saltou o muro, porque deixou como unha escaleira e rompeu a ventá. Daquela, coñecen perfectamente as instalacións e todo. Non pode vir unha xente de fóra facer iso", explica Iria Míguez, tesoureira da comisión.

Manuel di que na súa experiencia de doce anos en comisión de festas nunca sufriu unha falcatrúa así: "Si, senta mal, porque pasamos unha fin de semana moi dura, cansos, sen durmir e cando pensas en que acabe todo ben, sen problemas, que non houbo ningunha pelexa..., e chega o final e encontras isto. Non é gusto de ninguén".

Di Iria que a ela non lle quedan ganas de máis comisión de festas tras o sufrido na súa estrea como tesoureira, e que só espera que collan os autores do roubo.

Agora ademais de traballaren en organizar o Entroido teñen por diante procurar os 1.300 euros do custo que lle ocasionaron co roubo. Arranxar os estragos é o outro custo adicional para a comisión de festas do barrio compostelán de Sar.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade