Publicador de contidos
Publicador de contidos

A Unión Europea ameaza Alxeria con represalias se non reconduce a relación comercial con España

A Unión Europea ameaza Alxeria con represalias se non reconduce a relación comercial con España

Albares di en Bruxelas que Alxeria viola o acordo de asociación coa UE

G24.gal 10/06/2022 17:01 Última actualización 11/06/2022 16:04

 

A Unión Europea ameazou este venres a Alxeria con represalias se non reconduce diplomáticamente a relación comercial con España, nunha advertencia que fixo tras a reunión que o ministro de Exteriores español, José Manuel Albares, mantivo coa Comisión Europea para buscar o apoio de Bruxelas.

"A UE está preparada para facer fronte a calquera tipo de medida coercitiva aplicada contra un Estado membro da UE", aseguraron nun comunicado o alto representante para Asuntos Exteriores, Josep Borrell, e o vicepresidente da Comisión Europea e responsable de Comercio, Valdis Dombrovskis, despois de reunirse hoxe co ministro español.

O ministro español de Exteriores, José Manuel Albares, asegurou este venres tras reunirse coa Comisión Europea en Bruxelas que a decisión "unilateral" de Alxeria de conxelar as relacións comerciais con España "viola o acordo de asociación" dese país coa Unión Europea.

"A medida unilateral anunciada onte por Alxeria viola o acordo de asociación entre a UE e ese país e, por tanto, aínda que vai dirixida a España, afecta o mercado único, as relacións comerciais e económicas de Alxeria coa Unión Europea", declarou Albares tras reunirse en Bruxelas co vicepresidente da Comisión Europea responsable de política comercial comunitaria, Valdis Dombrovskis.

Bruxelas, que ten a competencia exclusiva da política comercial da UE, mantivo nas últimas horas contactos coas autoridades alxerinas e, tras "avaliar" a situación, considera que a instrución do país magrebí para que se suspendan os pagos cos empresarios españois "parece violar" o Acordo de Asociación entre a UE e Alxeria, que entrou en vigor en 2005.

"Isto daría lugar a un trato discriminatorio dun Estado membro da UE e afectaría negativamente o exercicio dos dereitos da Unión en virtude do Acordo", aseguraron Borrell e Dombrovskis.

Aínda así, mantiveron que "Alxeria é un socio importante da UE no Mediterráneo" e que "confían que, en nome" da "sólida e prolongada asociación, se atope unha rápida solución para restablecer por completo as relacións comerciais e de investimento".

O Goberno de España e a Comisión Europea queren que "canto antes se volva ao diálogo, á amizade que ten o pobo de España co pobo alxerino" e a restablecer "unhas relacións económicas normais entre España e Alxeria, entre a Unión Europea e Alxeria", asegurou Albares.

España quere "exactamente as mesmas relacións con Alxeria que con todos os seus veciños", desde o "respecto mutuo" e a "non inxerencia", engadiu Albares, que definiu os dous países como "pobos amigos pero tamén (...) pobos libres e soberanos".

"A UE e as súas institucións veno exactamente igual que nós", asegurou Albares, quen agregou que Madrid e Bruxelas coinciden tamén en defender os intereses de España e as súas empresas no país africano.

"Estamos tamén de acordo en que faremos unha firme defensa das nosas empresas e dos intereses de España, que son tamén as empresas europeas e os intereses da Unión Europea", agregou o ministro, quen engadiu que "o desexo de España é que isto se resolva canto antes polo diálogo". 

Resposta de Alxeria

Alxeria responde con dureza. Nega que estea violando os acordos coa Unión Europea á que acusa de precipitarse nesta reacción. Di que seguirá cumprindo os seus compromisos comerciais, pero evita calquera referencia a unha solución dialogada como a que mencionou o ministro español de Exteriores. 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade