Publicador de contidos
Publicador de contidos

Núñez Feijóo: "Imos presentar a lei de conciliación máis ambiciosa da democracia"

Núñez Feijóo: "Imos presentar a lei de conciliación máis ambiciosa da democracia"

O presidente do PP asegura que o obxectivo é aumentar os permisos de maternidade e paternidade durante o primeiro ano de vida
 

G24.gal 22/09/2024 08:56 Última actualización 22/09/2024 18:57

O presidente do Partido Popular, Alberto Núñez Feijoo, asegurou que a lei de conciliación, que presentarán nos próximos días no Congreso, inclúe un incremento do permiso de maternidade e paternidade.

Nunha entrevista na Radio Galega, explicou que a idea "é que o poidan executar libremente, cando o consideren oportuno; e para que, sumados o permiso do pai e o da nai, poidan entre os dous estar ao coidado do fillo durante o seu primeiro ano de vida".

O líder dos populares explicou que propoñerán tamén estender a toda España unha medida na que Galicia foi pioneira: a gratuidade da educación infantil de 0 a 3 anos, que sería financiada a partes iguais entre o Goberno Central e as Comunidades Autónomas.

Á espera de que o texto se presente, Alberto Núñez Feijoo avanzou que haberá máis medidas para as familias numerosas e monoparentais, desgravacións e axudas para as empresas que teñan que substituír a un traballador ou traballadora mentres goza do permiso de paternidade ou maternidade.

"É un conxunto de medidas que vai propoñer o PP para conseguir que a Lei de Conciliación, se a aproba o Congreso, sexa a mellor da época democrática en España".

Presupostos Xerais do Estado

O presidente do Partido Popular dubida que o Goberno consiga sacar adiante os Orzamentos Xerais do Estado para o ano que vén pola súa debilidade parlamentaria. "Non ten socios fiables", dixo Alberto Núñez Feijoo ás portas dunha semana clave, na que o Congreso votará a senda de déficit e o teito de gasto, que Junts lle tumbou en xullo.

"Sería un feito extraordinario e a primeira vez en democracia que un Goberno non dea aprobado os Presupostos durante dous anos consecutivos, o que demostra a súa incapacidade para gobernar o país".

Núñez Feijoo tamén agoira moita tensión nas negociacións coas Comunidades Autónomas. Afirma que o acordo para o financiamento singular de Cataluña supón a fin do sistema das autonomías e acusa ao Executivo de Pedro Sánchez de xogar coa igualdade dos cidadáns.

"Estamos xogando coa igualdade dun manchego, dun catalán, dun estremeño, dun madrileño, dun canario ou dun galego na sanidade, na educación, na dependencia" detallou o popular, que lles pediu ós baróns socialistas, críticos con Pedro Sánchez, que se rebelen.

Crise con Venezuela

A crise con Venezuela é outro foco de tensión. Despois dunha semana de duros ataques contra o ministro de Exteriores, José Manuel Albares; o líder popular acusa o Executivo de manterse equidistante entre a ditadura e a democracia.

"É lamentable que un país irmán, coa cantidade de galegos alí, e tamén de venezolanos en Galicia e no conxunto de España, se manteña equidistante entre a ditadura e a democracia".

Alberto Núñez Feijoo dixo sentirse honrado de impulsar no Congreso o recoñecemento de Edmundo González como presidente electo do país caribeño.

"Se o Goberno de España está con Maduro, eu estou cos demócratas venezolanos", aseverou.

Comisión de investigación Álvaro Cunqueiro

O presidente dos populares asegura que está absolutamente tranquilo ante a comisión que o BNG impulsou no Parlamento galego para investigar o sobrecuste do hospital vigués Álvaro Cunqueiro e mailos contratos da Xunta na pandemia, cando el era presidente da Xunta. Núñez Feijoo botou man da retranca.

"Moi ben o ten que facer Rueda para que a oposición me siga facendo a oposición a min, que levo dous anos e medio sen ser presidente de Galicia. Os galegos coñécenme e a tranquilidade é absoluta".

Entrevista completa na Radio Galega
Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade