Publicador de contidos
Publicador de contidos

Alberto Pazos repite como portavoz do PPdeG no Hórreo

Alberto Pazos repite como portavoz do PPdeG no Hórreo

 Paula Prado continúa como viceportavoz primeira

Paula Prado e Alberto Pazos nunha imaxe de arquivo
G24.gal 22/03/2024 11:16

O Grupo Parlamentario Popular na Cámara galega seguirá con Alberto Pazos Couñago como portavoz e a tamén secretaria xeral do PP galego e deputada experimentada, Paula Prado, como viceportavoz primeira. A dirección do grupo completarana, como viceportavoces segunda e terceira, Cristina Sanz e María Martínez Allegue.

Dentro do prazo previsto polo regulamento do Parlamento de Galicia, tras a constitución da XII Lexislatura o pasado luns, os populares rexistran este venres o documento a través do que se conforma o grupo parlamentario e que ratifica a Pazos Couñago como portavoz.

O redondelán Alberto Pazos foi a opción elixida polo partido que lidera Alfonso Rueda para encabezar a dirección do grupo tras a marcha de Pedro Puy ao Congreso dos Deputados. Na dirección segue tamén a número dous do partido, mentres que os populares optan por renovar as viceportavocías segunda e terceira, que na última etapa ocuparon Raquel Arias e Marisol Díaz Mouteira.

Pazos, nacido en Redondela, converteuse en portavoz do grupo popular o pasado mes de setembro, en substitución de Pedro Puy, e foi deputado nas dúas últimas lexislaturas e entre os anos 2012 e 2013,

Licenciado en Dereito pola Universidade Europea de Madrid e pola Universidade Complutense é vicesecretario de Familia do PP de Galicia e entre os anos 2016 e 2022 foi secretario de Organización.

Paula Prado del Río é a actual secretaria xeral do PPdeG e foi deputada no Parlamento de Galicia nas lexislaturas VIII, IX, X e XI.

Natural de Santiago de Compostela, é licenciada e doutora en Dereito pola Universidade de Santiago de Compostela.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade