Publicador de contidos
Publicador de contidos

Alcoa terá antes do 4 de xuño 4 proxectos para renovar a planta de San Cibrao

Alcoa terá antes do 4 de xuño 4 proxectos para renovar a planta de San Cibrao

Hoxe celebrouse a terceira reunión de seguimento entre a multinacional, o comité de empresa e os gobernos central e da Xunta

G24.gal 01/03/2022 16:04

O comité de empresa de Alcoa San Cibrao informou, despois da terceira reunión de seguimento do acordo asinado coa multinacional para paralizar a actividade da fábrica de aluminio primario durante dous anos, que “antes de xuño” estarán listos “catro proxectos” de enxeñería para acometer a renovación tecnolóxica da factoría.

A reunión de seguimento celebrouse este mediodía en Madrid, na sede do Ministerio de Industria, coa participación do comité de empresa, a Xunta de Galicia, o Goberno de España e a propia dirección de Alcoa.

O presidente do comité, José Antonio Zan, acompañado polos demais portavoces dos representantes dos traballadores explicou  que na reunión puxéronse “enriba da mesa” os preacordos con Endesa e con Greenalia, que “entrarán dentro dun conxunto de PPA xestionado por unha empresa”, que será a encargada da subministración de enerxía ao complexo para “darlle unha maior garantía á operación”.

Zan precisou que unha PPA é “un contrato bilateral entre a empresa subministradora e a consumidora”, que este caso garante o consumo de enerxía “durante 10 anos”. Iso permítelles ás operadoras eléctricas, explicou, buscar financiamento para o conxunto da operación, que o propio Zan cifrou entre “oitocentos ou mil millóns” de euros, dado que están en disposición de demostrarlles ás entidades financeiras que “esa operación é rendible”.

En canto aos investimentos previstos, precisou que están “aínda en fase de estudo de enxeñería” e que o proxecto para “o forno de cocción” non estará listo ata setembro. “Aínda que son datas orientativas”, engadiu, antes de xuño estarán listos “os outros catro proxectos”, basicamente os do “transformador, o forno de homoxeneizado, as mesas de coada e as barras de compensación”. No caso das barras de compensación, lembrou que a súa instalación é moi importante para incrementar as posibilidades de consumo de enerxía da instalación e, consecuentemente, de produción.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade