Alemaña aproba un novo paquete de axudas sociais tras o corte do gas ruso
Alemaña aproba un novo paquete de axudas sociais tras o corte do gas ruso
A decisión prodúcese 24 horas despois de que Rusia pechara o Nord Stream 1
Os tres socios do Goberno alemán acordaron este domingo un novo paquete de axudas, o terceiro, para que a cidadanía poida facer fronte ao forte aumento dos prezos da enerxía e do custo da vida, derivados en gran medida da crise política e económica provocada pola guerra en Ucraína.
Dotación de 65.000 millóns de euros
O xefe do Goberno alemán, Olaf Scholz, acompañado polos ministros de Economía e de Finanzas, confirmou que o novo programa contará con 65.000 millóns de euros, dedicados fundamentalmente á axuda aos fogares, empresas e estudantes.
Pagos para pensionistas e estudantes
Entre as medidas anunciadas figuran pagamentos de 300 euros para pensionistas e 200 para estudantes, que lles entregarán o vindeiro 1 de decembro. Tamén haberá un subsidio único de calefacción de 415 euros por domicilio.
Este terceiro paquete de axudas tamén inclúe descontos no prezo do consumo básico de electricidade, e a creación dun novo billete de transporte público a nivel nacional. O Goberno alemán está decidido tamén a recortar os beneficios das empresas enerxéticas.
Peche do gasoduto ruso
A decisión xermana prodúcese un día despois de que Rusia decidira, de xeito unilateral e indefinido, pechar o gasoduto Nord Stream 1, polo que chegaba a Alemaña e ao resto de Europa a maior parte do gas ruso.