Aviso laranxa por vento, mar de fondo e ondas de ata sete metros
Aviso laranxa por vento, mar de fondo e ondas de ata sete metros
Permanecerá activo en todo o litoral galego ata o luns
Todo o litoral galego está hoxe en aviso laranxa por ondas de ata sete metros, ventos e precipitacións. A gran borrasca que está situada ao oeste de Irlanda está deixando na fachada atlántica galega fronte de auga tras fronte de auga, e creando un mar moi axitado.
O problema en lugares coma Baiona, no Cabo Silleiro, non é a acumulación da auga, arredor dos 20 litros por metro cadrado, senón o estado do mar e ese vento do oeste.
Nas primeiras horas do día unha fronte de auga madrugadora deixaba choivas intermitentes pero intensas nas Rías Baixas.
Despois de dúas fins de semana festivas en que os avisos meteorolóxicos eran pola acumulación da auga precipitada e polas enchentes dos ríos, este domingo a alerta laranxa veu determinada polo estado do mar. Mar de fondo axitado con ondas de grandes dimensións rompendo na costa.
Aínda así, o vento do oeste facíase incómodo para os poucos paseantes deste domingo. Pero non tanto como a choiva a caldeiros de días atrás.
A alerta laranxa por vento, precipitacións e ondas no mar de ata sete metros coa marea alta estará activa ata o luns.
Costa da Coruña
Unha borrasca profunda situada ao norte de Irlanda é a responsable dunha fronte que deixou ventos e chuvias fortes no litoral coruñés durante as primeiras horas do día.
As precipitacións foron remitindo co avance da xornada, pero a situación no mar segue sendo complicada. Os ventos sopran con intervalos de forza sete e mantense activo un aviso laranxa por ondas que poden chegar a alcanzar os sete metros de altura.
Para a xornada do luns non se agardan moitos cambios. O vento perderá intensidade, pero o aviso laranxa continuará en todo o litoral ata media tarde por mor da ondada.