Publicador de contidos
Publicador de contidos

Alerta laranxa por vento na costa da provincia da Coruña e amarela no resto de Galicia

Alerta laranxa por vento na costa da provincia da Coruña e amarela no resto de Galicia

Espéranse refachos por riba dos 100 quilómetros por hora, con vento de dirección sur e suroeste, que afectarán o noroeste, oeste e suroeste da Coruña

Rexistráronse xa refachos que alcanzaron os 130 quilómetros por hora en Viveiro e superaron os 124 quilómetros por hora na serra do Xistral, en Muras

directo Sinal en directo da cámara web da CRTVG en Fisterra
G24.gal 02/04/2024 10:20 Última actualización 02/04/2024 15:09

A Dirección Xeral de Emerxencias e Interior da Xunta activou a alerta laranxa pola previsión de fortes refachos de vento na costa da provincia da Coruña, tras o aviso da Axencia Estatal de Meteoroloxía por un fenómeno meteorolóxico adverso que comeza na mañá deste martes.

Espéranse refachos máximos de 100 quilómetros por hora, con vento de dirección sur e suroeste, que afectarán o noroeste, oeste e suroeste da Coruña. Tamén haberá forte vento no interior desta provincia, así como en toda a provincia de Pontevedra, na Mariña, no centro e na montaña de Lugo e na montaña de Ourense, onde se activou a alerta amarela e prevense refachos ata 90 quilómetros por hora.

Na provincia da Coruña está activada tamén a alerta laranxa por temporal costeiro, que comezou a pasada madrugada no litoral oeste e noroeste da provincia, con vento do suroeste de forza 9 e mar combinada do suroeste con ondas de ata 5 metros.

O resto da costa galega, excepto a da Mariña, ten activada a alerta amarela por vento do sur de forza 7 e ondas de ata 5 metros.

Recoméndase manterse apartado de peiraos, diques, rompentes e paseos marítimos, e extremar as precaucións á hora de realizar calquera actividade no mar, ademais de revisar cabos e amarres de embarcacións. 

Fortes refachos de vento

Os ventos asociados á borrasca que afecta Galicia xa se empezaron a notar, tal e como reflicte Meteogalicia, organismo dependente da Consellería de Medio Ambiente e Territorio, nos valores extremos publicados.

Na xornada deste martes rexistráronse xa refachos que alcanzaron os 130 quilómetros por hora en Vivero, 125 en Vimianzo (A Coruña), e 127 quilómetros por hora na serra do Xistral, en Muras (Lugo).

Con respecto á chuvia, non se rexistraron valores importantes no que vai de martes, aínda que o luns deixou rexistros elevados en Cerdedo-Cotobade (Pontevedra), con 29,4 litros por metro cadrado ou en Vilariño de Conso (Ourense) con 26,1 litros. 

Pechan os parques en Lugo

A activación das alertas levou os concellos a tomar medidas preventivas, entre eles o de Lugo, que comunicou o peche dos parques da cidade ante a situación meteorolóxica adversa e a previsión de forte vento.

Os operarios do departamento municipal de Transición Ecolóxica precintarán ao longo da mañá deste martes os parques Rosalía de Castro, Marcos Cela e A Milagrosa, e quedará prohibida a entrada aos recintos. Así mesmo, o Concello lucense fixo un chamamento aos veciños para pedirlles que respecten as limitacións e eviten correr riscos innecesarios ou poñer en risco a súa seguridade.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade